Skip to main content

Científicos da USC descobren unha ferramenta para estudar a renovación das mitocondrias, a batería das células

De esquerda a dereita, José Manuel Martínez Costas, Eugenio Vázquez Sentís, e José Luis Mascareñas (Imaxe de arquivo)
De esquerda a dereita, José Manuel Martínez Costas, Eugenio Vázquez Sentís, e José Luis Mascareñas (Imaxe de arquivo)
MitoBlue está baseada en microscopía de fluorescencia e podería facilitar o estudo de enfermidades neurodexenerativas
Santiago de Compostela

Investigadores da USC no Centro  Singular  de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) acaban de descubrir un composto capaz de sinalizar de maneira sinxela e eficiente a reciclaxe das mitocondrias, a fonte de enerxía das células. Esta nova ferramenta molecular, denominada MitoBlue, podería axudar a entender mellor os mecanismos celulares das mitocondrias e con iso facilitar o estudo de enfermidades neurodexenerativas e outras de alta prevalencia que teñen a súa orixe en trastornos da homeostase mitocondrial.

O traballo, que se iniciou por mor da tese de doutotamento de Mateo Sánchez, está liderado por José Manuel Martínez Costas, en colaboración cos investigadores da USC Eugenio Vázquez Sentís e José Luis Mascareñas. Os resultados acaban de publicarse na revista Scientific Reports, do grupo editorial Nature.

As mitocondrias son ás células, o que as baterías aos móbiles. Tal e como sucede nos dispositivos telefónicos, descárganse e deben ser renovadas permanentemente. Ese proceso de control de calidade e reciclaxe mitocondrial que realiza a célula é de gran relevancia fisiolóxica e tense asociado con numerosas enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer ou o párkinson; outras coma o cancro, a diabetes ou cardiopatías, e con procesos naturais como o envellecemento. Con todo, a pesar da súa importancia fundamental na vida das células, non existen ferramentas que permitan o seu estudo de maneira sinxela. “O composto MitoBlue que descubrimos permite estudar estes procesos de reciclaxe a través de microscopía de fluorescencia. Estes procesos favorecen a caracterización detallada de comunicación entre as mitocondrias e as lisosomas, as encargadas da dixestión intracelular”, explica Eugenio Vázquez.

A fluorescencia é un dos fenómenos físicos máis utilizados en microscopía biolóxica e analítica, principalmente pola súa alta sensibilidade e especificidade; e fai posible determinar a distribución dunha soa especie de molécula, a súa cantidade e localización no interior da célula. “Ata o momento a maioría das técnicas de observación requirían fixación celular, o que pode afectar as estruturas da propia célula e ocultar a observación de procesos dinámicos. Algo que agora logramos suplir con este método alternativo de alta eficiencia no descifrado das mitocondrias e de gran potencial en aplicacións básicas e aplicadas en investigación biomédica”, conclúe Vázquez.

 

The contents of this page were updated on 04.02.2020.