Skip to main content

A USC lidera en Europa a captación de fondos no marco do programa Erasmus+ K2 de desenvolvemento de capacidades

Vista xeral dende o Colexio de Fonsexa. Foto: Santi Alvite
Vista xeral dende o Colexio de Fonsexa. Foto: Santi Alvite
A institución compostelá, que acadou máis de cinco millóns de euros, coordinará tres proxectos en materia de innovación educativa, comunicación sostible e desenvolvemento tecnolóxico
Lugo, Santiago de Compostela

A USC lidera en Europa con máis de cinco millóns de euros a captación de fondos no marco do programa Erasmus+ K2 de desenvolvemento de capacidades, coa súa participación en once novos proxectos de cooperación entre universidades. En tres destas iniciativas a institución compostelá actuará en calidade coordinadora, o máximo permitido na convocatoria. 

Os tres proxectos que serán executados por consorcios liderados pola USC, dotados con 2,8 millóns de euros, están centrados en innovación educativa, comunicación sostible e capacitación en `Big Data´. Os oito restantes, nos que a institución compostelá participa en calidade de socia, abranguen un total de case tres millóns de euros. As sinerxías dentro de cada consorcio contribúen a intercambiar modelos de xestión e coñecementos que actúan como motor de desenvolvemento. 

Líder en Europa a en España

A USC ocupa o terceiro posto en Europa en coordinación de proxectos de cooperación entre universidades. “Esta posición de liderado veuse reflectida na última convocatoria, na que captou máis de cinco millóns de euros logo de ser elixida coordinadora de tres proxectos, o máximo permitido, que favorecerán o desenvolvemento de capacidades en distintas rexións do continente asiático”, sinala o vicerreitor de Estudantes e Proxección Internacional, Víctor Arce Vázquez.

Na última edición só foron aprobados un total de 163 proxectos de entre os 840 presentados. A institución compostelá foi a única en España que logrou ser elixida coordinadora en tres proxectos. Xunto a ela, só tres universidades europeas lograron igualar este número: a Universidade Libre de Bruxelas, a Universidade de Montenegro e a Universidade de Novi Sad en Serbia.

Directrices e liñas de execución

Durante os meses de xaneiro e febreiro a USC acolleu as reunións de posta en marcha dos tres proxectos coordinados nas que se definiron as principais directrices e liñas de actuación durante o primeiro ano de execución destas iniciativas, que contan con case un millón de euros cada unha para o seu desenvolvemento. 

Ciencias da Educación comezou en xaneiro a traballar no proxecto `Educational Knowledge Transfer´ (EKT), un consorcio de alianzas para o coñecemento que coordinará en calidade de investigadora principal a presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Educación, Carmen Fernández Morante. Nesta iniciativa participarán tamén outras institucións de España, Austria, Irlanda, Portugal, Bélxica e Reino Unido. EKT traballará durante tres anos no desenvolvemento de metodoloxías colaborativas educativas baseadas en contornas dixitais, involucrando a membros de tres eixos: centros educativos (colexios e profesores), universidades (Facultades de Educación e investigadores), e empresas e institucións tecnolóxicas (especificamente as que ofrecen servizos de `e-learning´). 

Comunicación sostible

Diversas actividades formativas sobre comunicación e desenvolvemento sostible foron impartidas na Facultade de Ciencias da Comunicación ao abeiro do proxecto ‘Sustainable Development Goals in Journalism Reporting’ (SDGs) (Obxectivos de desenvolvemento sostible na comunicación xornalística), coordinado polo profesor de Ciencias da Comunicación, Marcelo Martínez Hermida. Esta iniciativa, persegue dotar a profesionais do xornalismo dun elenco de países do sueste asiático de ferramentas e coñecementos para informar no eido do coñecemento sostible dunha forma efectiva e orientada a acadar os obxectivos estipulados na Axenda para o Desenvolvemento Sostible 2030.

Capacitación en Big Data

O proxecto  ‘Establishment of training and research centers and course development on Intelligent Big Data Analytics in Central Asia’ (ELBA), está a traballar no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras que contribúan a mellorar o campo do Big Data Analytics, un paradigma de Intelixencia Artificial (IA) que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos. O principal obxectivo que persegue é dar resposta á escaseza de profesionais cualificados para abordar a súa xestión, particularmente determinadas áreas xeográficas. A iniciativa está a ser coordinada a través do CiTIUS polo profesor da ETSE, David Losada.

The contents of this page were updated on 04.07.2020.