Skip to main content

Estudos preclínicos buscan fármacos contra o coronavirus baseados en ARNm

Imaxe de arquivo de María José Alonso
Imaxe de arquivo de María José Alonso
Neste estudo, o equipo de María Jose Alonso encárgase do desenvolvemento de "vehículos" (que simulan virus artificiais) para a protección e transporte do RNAm á célula diana

Desenvolver e avaliar en estudos preclínicos unha nova vacina contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte o virus é o obxectivo dun equipo no que participa o grupo da catedrática da USC María José Alonso xunto con outros de IDIBAPS, do National Center for Biotechnology, do Barcelona Supercomputing Center e de IRSICAIXA co financiamento do Departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya.

Este grupo propón o deseño dunha vacina baseada en ARNm (ácido ribonucleico mensaxeiro) do virus. En opinión dos investigadores é unha “alternativa prometedora fronte vacinas convencionais polo seu gran potencial, rápido desenvolvemento, fabricación a baixo custo e administración segura”. Concretamente, o equipo da USC terá como misión o desenvolvemento de vehículos (que simulan virus artificiais) para a protección e transporte do RNAm á célula diana.

Para o seu desenvolvemento, o equipo de investigadores utilizará métodos computacionais para identificar as partes do virus que sexan capaces de provocar unha resposta notable no sistema inmunitario. Seguidamente, procederase á fabricación da molécula RNAm máis prometedora e, por último, á súa incorporación nun vector viral ou sintético, co fin de garantir a estabilidade do RNA e favorecer a súa chegada efectiva ao sistema inmunitario.
 

The contents of this page were updated on 04.09.2020.