Skip to main content

A importancia da distancia social e do "correcto e sistemático" lavado de mans

O lavado de mans debe realizarse con xabón ou solucións hidroalcohólicas. FOTO: Santi Alvite
O lavado de mans debe realizarse con xabón ou solucións hidroalcohólicas. FOTO: Santi Alvite
Francisco Caamaño Isorna insiste en que con independencia do uso de luvas e máscaras faciais, deben manterse as medidas de hixiene e a separación de dous metros entre as persoas
Lugo, Santiago de Compostela

O reparto de máscaras faciais en transportes públicos dende este luns non debe considerarse un substitutivo das medidas de hixiene e distancia social que a poboación estaba a desenvolver dende o decreto do estado de alarma por mor da crise da COVID-19. O epidemiólogo e profesor da USC Francisco Caamaño Isorna fai fincapé en que o uso destes recursos non anula a necesidade de lavar as mans de modo "correcto e sistemático", así como de manter unha separación de dous metros entre as persoas.

"O que está acreditado ata o momento é que a COVID-19 transmítese por secrecións de persoas infectadas, principalmente por contacto directo con gotas respiratorias de máis de cinco micras, capaces de transmitirse a distancias de ata dous metros", explica Caamaño. "Demostrouse tamén a permanencia do coronavirus en superficies como o cobre, catro horas; cartón, madeira, roupa e vidro, un día;  e aceiro inoxidable, plástico, billetes e máscaras faciais cirúrxicas, catro días. Por estas razóns as principais e fundamentais medidas de prevención seguen sendo a distancia social e o correcto e sistemático lavado de mans con xabón ou solucións hidroalcohólicas", apunta o profesor da USC.

Máscaras faciais

O uso de máscaras faciais explícase en virtude de que "as persoas que están infectadas pero son asintomáticas poden transmitir a  enfermidade. Por esta razón, a utilización da máscara facial pode constituír un elemento complementario na prevención da COVID-19 en contextos onde difícilmente podemos manter esa distancia social de 2 metros, que insistimos segue sendo a clave xunto ao lavado correcto e sistemático de mans", continúa Caamaño.

Así se coloca e se saca unha máscara facial
Así se coloca e se saca unha máscara facial

Luvas

Manter un minucioso lavado de mans segue a ser un recurso fundamental na loita contra o coronavirus. "Os guantes tamén se contaminan, como as nosas mans, polo tanto a principal recomendación é o lavado sistemático e concienzudo de mans e evitar tocarnos a cara, levemos ou non guantes. O risco de utilizar luvas é que nos dean unha sensación de falsa seguridade e que descoidemos estas recomendacións. No caso de usalos, hai que respectar escrupulosamente as pautas de colocación e retirada", asegura o epidemiólogo.

Así se colocan e así se sacan as luvas
Así se colocan e así se sacan as luvas

Desescalada

Lograr que a curva da pandemia descenda e regresar á vida cotiá suscita asemade numerosas cuestións na cidadanía. Para Caamaño Isorna, o retorno á rutina realizarase moi paseniñamente. "Quizais o Goberno permitirá ir abrindo as medidas, deixando que os menores saian un pouco á rúa acompañados por unha persoa, permitindo que a xente saia unha hora a facer deporte de forma individual... Pero que abran os bares, restaurantes e outros establecementos de reunión, vai tardar, porque habería risco de que os contaxios se disparasen de novo", opina o profesor da USC.

"A apertura será lenta, e dependerá dos datos que se teñan e de que a xente siga respectando as medidas de distancia social. Neste sentido, o estudo de seroprevalencia poboacional con representación territorial, isto é, determinar que proporción da poboación desenvolveu anticorpos contra o coronavirus, permitirá  coñecer o grao de inmunidade da poboación. Isto podería permitir o desescalonamento gradual por territorios, sempre que se asegurase a limitación de mobilidade entre eles, cuestión sempre problemática e que descansa de novo na responsabilidade individual", explica Caamaño.

Vivir nun mundo globalizado e en permanente conexión é outra das condicións que inflúen na propagación da Covid-19. "Non debemos esquecer que non estaremos seguros se non o está tamén África, Asia ou Centro e Sudamérica", di Caamaño. Ademais, esta pandemia debe facernos reflexionar sobre o comportamento á hora de enfrontar outras enfermidades como unha simple gripe. "Quero pensar que seremos quen de aprender. Non só os responsables da xestión sanitaria, senón tamén os cidadáns que deberiamos estender as condutas de prevención a outras infeccións estacionais como a gripe, na que moitas persoas vulnerables ou con risco de contaxio a terceiros non se vacinan; ou non se resignan a quedar na casa ata estar completamente restablecidas", conclúe Caamaño.

Hixiene domiciliaria
Hixiene domiciliaria
The contents of this page were updated on 04.14.2020.