Skip to main content

A OIU responde por videoconferencia ás dúbidas sobre acceso a titulacións

Alumna participando nos encontros virtuais na Zona USC. FOTO: Santi Alvite
Alumna participando nos encontros virtuais na Zona USC. FOTO: Santi Alvite
Inicialmente, as sesións de videochat desenvolverase os mércores entre as 10.00 e as 14.00 horas e dende as 16.00 ata as 19.00 horas
Lugo, Santiago de Compostela

A Oficina de Información Universitaria desenvolverá dende este mércores 22 e mentres dure a actual situación de confinamento, sesións de videoconferencia para responder ás dúbidas do alumnado preuniversitario en relación a cuestións sobre o acceso a titulacións de grao. A sesión de videochat desenvolverase todos os mércores entre as 10.00 e as 14.00 horas e, xa en quenda de tarde, dende as 16.00, ata as 19.00 horas.

A idea de botar man da videoconferencia como medio para solventar as cuestións do alumnado, naceu logo do éxito que tiveron os encontros virtuais na Zona USC, celebrados entre o 6 e o 8 de abril, e que obtiveron en torno a 20.000 visitas. "Os encontros tiveron moi boa collida tanto por parte dos centros de secundaria que participaron, como dos centros da USC aos que lles pareceu unha magnífica iniciativa", explica Celso Rodríguez, coordinador do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC.

"O mail é un medio moi frío para responder ás dúbidas do alumnado de ensino medio", continúa Celso Rodríguez, "e deste xeito os rapaces e rapazas só deben premer na ligazón e xa teñen a unha persoa ao outro lado, coma se estivese detrás do mostrador da oficina". Deste xeito, o alumnado participante poderá obter toda a información que precise sobre o mapa de titulacións que oferta a USC.

Para participar no videochat, debe premerse nesta ligazón.  Ao abrirse o navegador, se non se ten instalado Teams, debe elixirse a opción “Unirse por Internet no seu lugar”. Na seguinte xanela, hai que premer en “Unirse agora”. Para poder comunicarse, é necesario activar o micrófono e a cámara ou escribir no chat.

 

The contents of this page were updated on 04.20.2020.