Nova diana terapéutica contra o fígado graxo non alcohólico

O descubrimento dun novo protector contra a enfermidade do fígado graxo non alcohólico é o último achado do grupo Metabolismo Molecular da USC no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), que dirixe Rubén Nogueiras. Os investigadores desvelaron que bloquear o receptor GPR55 permite alterar o metabolismo da graxa no fígado, facendo que fabrique menos e, por tanto, que o dano sexa menor. Este avance abre novas vías terapéuticas contra esta enfermidade, que afecta a unha de cada catro persoas no mundo e para a que aínda non existe ningún fármaco aprobado para o seu tratamento.
Un depósito letal de graxa no fígado
A enfermidade do fígado graxo non alcohólico ou NAFLD (das súas siglas en inglés) comeza como unha simple acumulación de graxa pero, se non se vixía, co tempo pode progresar a esteatohepatite non alcohólica (NASH), caracterizada por inflamación e fibrose. A esteatohepatite non alcohólica é perigosa xa que os pacientes corren o risco de desenvolver cirrose, cancro, e maior taxa de mortalidade asociada a fallo hepático.
Esta investigación liderada dende a USC demostra que os pacientes con NAFLD e NASH teñen niveis elevados en sangue dunha molécula coñecida como lisofosfatidilinositol (LPI) que se une a un receptor chamado GPR55. A expresión deste receptor tamén está aumentada no fígado dos pacientes con NAFLD e NASH. Resultados similares obtivéronse en modelos animais aos que se induciu as enfermidades, e nos que se observou que a inhibición do receptor GPR55 protexía contra NAFLD e NASH. “Atopamos que ao inhibir este receptor no fígado, podemos alterar o metabolismo da graxa no fígado, facendo que o fígado fabrique menos graxas, e por tanto, o dano sexa menor” indica Marcos Fernández Fondevila, autor principal do estudo. Engade ademais que “é destacable o feito de que, para inhibir a fabricación de graxas, o GPR55 bloquea un encima chamado acetil CoA carboxilasa, e actualmente existen estudos en fase clínica con estes inhibidores para o tratamento da enfermidade”.
“Conseguiuse non só reducir a acumulación de graxa, senón tamén a inflamación e a fibrose no fígado cando inactivamos GPR55, usando unha gran variedade de modelos preclínicos”, sostén Marcos Fernández. Isto ocorre porque a inactivación do GPR55 por unha banda pode actuar sobre os hepatocitos, células maioritarias do fígado, para que acumulen menos graxa, e así exista unha menor inflamación e morte celular. E por outro, o GPR55 tamén inhibe mecanismos noutras células localizadas no fígado chamadas células estelares, que son as responsables de producir fibroses.
Este traballo, que foi publicado na revista Hepatology, é froito dunha colaboración dirixida por Rubén Nogueiras Pozo, coordinador do grupo de Metabolismo Molecular da USC no CiMUS e investigador do programa 'Oportunius' da Xunta; e na que participaron outros equipos de investigación da USC (Carlos Diéguez e Miguel López), así como grupos da Universidade do País Vasco, CIC bioGUNE de Bilbao, a empresa de biotecnoloxía OWL Metabolomics, Universidade Pontificia Católica de Chile, o Hospital Universitario Santa Cristina en Madrid e o Hospital Universitario de Salamanca.
