Skip to main content

Aberto o prazo para presentar resumos ao Encontro Ibérico en Investigación e Educación en Emprendemento GEM-CEE

Cartel do foro
Cartel do foro
Este foro desenvolverase do 24 ao 26 de setembro na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC
Santiago de Compostela

O Encontro Ibérico en Investigación e Educación en Emprendemento GEM-CEE mantén aberto o prazo para a presentación de resumos ata o vindeiro 26 de xuño a través da súa páxina web. Este foro que facilitará o debate da comunidade científica de España e Portugal sobre medidas, accións e propostas que axuden ao ecosistema emprendedor, desenvolverase do 24 ao 26 de setembro na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

O comité local de organización, coordinado polas profesoras Isabel Neira e Loreto Fernández, destaca que “a actividade emprendedora ten demostrado a súa capacidade no impulso da innovación e o desenvolvemento económico dos territorios”. De aí que sexa “un motivo de sinerxía entre o sector empresarial e as institucións académicas”. O proceso de inscrición neste foro abrirase o vindeiro 1 de xuño tamén a través do seu enderezo web.

O Encontro Ibérico en Investigación e Educación en Emprendemento GEM-CEE é o resultado de celebrar de maneira conxunta o V Workshop Internacional de Investigación en Emprendemento GEM-ACEDE (España) e a VI Conferencia sobre Educación para Emprender CEE 2020 (Portugal). O grupo de investigación GEM-Galicia, como membro de GEM-España, desenvolve este evento xunto con representantes da iniciativa lusa CEE 2020.

The contents of this page were updated on 05.06.2020.