Skip to main content

Rosa Montero abrirá este venres na USC o ciclo en liña 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia'

Cartel da conversa
Cartel da conversa
O encontro, moderado polo profesor José Edelstein, poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)
Santiago de Compostela

Co gallo do confinamento que limitou ou eliminou as posibilidades de celebrar encontros divulgativos e culturais presenciais, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC e a Xunta de Galicia pon en marcha un ciclo de diálogos virtuais entre o seu persoal investigador e figuras do ámbito cultural.

Baixo o título 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia', este proxecto traerá nos próximos meses a figuras coas que exploraremos as interseccións entre a física, a ciencia e a cultura, así como outras reflexións cun enfoque interdisciplinar. A escritora e xornalista Rosa Montero será este venres 15 de maio, ás 20.00 horas, a primeira entrevistada que participará nesta iniciativa. A través da canle de Youtube do IGFAE, o público poderá seguir e participar neste diálogo en directo dirixido polo profesor da USC José Edelstein.

'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia' insérese dentro do programa ArtLAB do IGFAE, unha iniciativa que pretende tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas. Súmase así a 'Cosmoloxías', unha exposición de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky, celebrada en marzo de 2019; e á conferencia 'Física en concerto coas artes' da física teórica Ágnes Mócsy, impartida durante a II Semana da Ciencia do IGFAE en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea.

Rosa Montero naceu en Madrid e estudou Xornalismo e Psicoloxía. Colaborou con grupos de teatro independente, como Canon ou Tábano, á vez que empezaba a publicar en diversos medios informativos como Fotogramas, Pueblo e Posible. Desde finais de 1976 traballa de maneira exclusiva para o diario El País, no que foi redactora xefa do suplemento dominical. En 1978 gañou o Premio Mundo de Entrevistas, en 1980 o Premio Nacional de Xornalismo para reportaxes e artigos literarios e en 2005 o Premio da Asociación da Prensa de Madrid a toda unha vida profesional. A súa obra abarca relatos, contos e textos xornalísticos, entre eles máis de 2000 entrevistas a personalidades de talla mundial. Entre as súas obras destacan Te tatraté como a una reina (1983), La hija del caníbal (1997), La ridícula idea de no volver verte (2013), El peso del corazón (2015) e a última, Los tiempos del odio (2018). Foi premiada en multitude de ocasións e traducida a máis de 20 idiomas. Ademais, é Doutora Honoris Causa pola Universidade de Porto Rico, membro de Honra da Universidade de Málaga, e en febreiro de 2019 creouse a 'Aula Rosa Montero' na facultade de Xornalismo da Universidade Miguel Hernández de Elxe (Alacante).

The contents of this page were updated on 05.15.2020.