Skip to main content

As universidades galegas traballan nun Plan de impulso das competencias dixitais como apoio á docencia presencial en Galicia

O reitor manifestou o seu convencemento de que a incorporación de melloras no eido tecnolóxico pode e debe potenciar unha ensinanza presencial. FOTO: Santi Alvite
O reitor manifestou o seu convencemento de que a incorporación de melloras no eido tecnolóxico pode e debe potenciar unha ensinanza presencial. FOTO: Santi Alvite
"É este un momento para exercer, con maior intensidade ca nunca, a autonomía universitaria que nos compete", explicou este martes o reitor Antonio López
Lugo, Santiago de Compostela

A crise derivada da emerxencia sanitaria pola COVID-19 situou á Universidade fronte á urxencia de contemplar escenarios alternativos nos que poder adaptar temporalmente a actividade docente presencial a situacións excepcionais. Neste senso, a USC, conxuntamente coas Universidades de Coruña e Vigo, traballou nunha primeira proposta do Plan de Impulso e Consolidación das Competencias Dixitais como apoio á Docencia Presencial no SUG para o curso 2020-2021.

Os principios básicos que vertebran este documento, o cal será debatido cos distintos colectivos que integran a USC, son o carácter presencial das universidades públicas galegas, a súa autonomía, a necesidade de fomentar un papel máis activo para o estudantado no proceso de aprendizaxe e cun maior protagonismo da avaliación continua, así como que as accións propostas se apliquen de xeito gradual e coa flexibilidade suficiente para atender á heteroxeneidade do mapa de titulacións galego. "É este un momento para exercer, con maior intensidade ca nunca, a autonomía universitaria ", explicou este martes o reitor Antonio López.

O réxime presencial, especifica o documento, resulta compatible coa incorporación de xeito estrutural de solucións non presenciais que están chamadas a xogar un dobre papel: por unha banda, como complemento da actividade presencial en situacións de normalidade; por outra, como solución excepcional diante de situacións extraordinarias, como o confinamento vivido neste curso 2019-2020.

Programa de Transformación á Docencia Innovadora

Á marxe deste proxecto propio de planificación, os tres reitores galegos foron convocados en varias ocasións pola Consellaría de Educación, Universidades e Formación Profesional, coa intención de poñer en marcha o que se deu en denominar Programa de Transformación á Docencia Innovadora no Sistema Universitario de Galicia co que a USC amosa unha "discrepancia clara na súa esencia", explicou Antonio López. O reitor manifestou o seu convencemento de que a incorporación de melloras no eido tecnolóxico pode e debe potenciar unha ensinanza presencial que, como quedou patente nos últimos meses, pode adaptarse a un contexto excepcional temporal pero que "non vai mudar, nin debe, a súa vocación de presencialidade".

"É momento de traballar conxuntamente, con responsabilidade e dende a autonomía que a cada institución e administración lle compete para asegurar un curso académico 2020-2021 que, de novo, porá a proba a nosa capacidade para responder ás necesidades e demandas da sociedade. A USC foi, é e será unha Universidade galega, pública e presencial, esencias das que debemos sentir orgullo e ás que debemos honrar con cada decisión que tomemos", concluíu Antonio López.

 

The contents of this page were updated on 05.29.2020.