Maio permitiu que a primavera se deixase ver en Santiago

Logo dun abril bastante chuvioso e con escasas horas de Sol, o mes de maio, polo menos na súa segunda quincena, permitiu que a primavera se deixara ver en Santiago. As 236 horas e 30 minutos de insolación medidas na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC atópanse en consonancia coa normalidade desta estación, de tal xeito que o astro rei brillou en Compostela tal e como adoita suceder no quinto mes do ano.
A temperatura máxima absoluta chegou aos 33º2 medidos o día 28, preto dos 32º4 do día 29 e os 32º1, do día 27. Tamén o día 30 os termómetros pasaron lixeiramente dos 30 graos. "Esta situación, aínda que non é habitual, tampouco conforma unha rareza a finais dos meses de maio, polo menos na contorna de Compostela", explica o profesor da USC José Ángel Docobo, responsable do Observatorio. Por exemplo, o 29 de maio de 2001 chegouse aos 34º9, e o 24 de maio de 2017, aos 34º0. Asemade, a máxima do 31 de maio do ano pasado (33º7), resultou ser a máis calorosa de 2019.
Para atopar un mes de maio en Santiago con máis de catro días por enriba dos 30 graos, hai que remontarse ao ano 1991. Naquela altura, foran seis as xornadas, a finais daquel mes, nas que aquilo acontecera, cun pico de 33º5 o día 23. En canto ás temperaturas mínimas deste maio, a máis baixa foi a do día 16 con 7º9, dándose outras catro xornadas máis con temperaturas por debaixo dos dez graos. Pola contra, a mínima de 17º5 rexistrada o día 28 é da orde daquelas que adoitan rexistrarse nas xornadas estivais nas que aperta máis a calor.