Skip to main content

Café Biocientífico de BioReDes

Achegas da veterinaria ao control da COVID-19 a partir de experiencias en enfermidades infecciosas

Venres, 5 de xuño de 2020, ás 12.30 horas

Plataforma MS Teams

O profesor da área de Sanidade Animal da USC na Facultade de Veterinaria ofrece este venres, ás 12.30 horas, un relatorio sobre esta temática na plataforma MS Teams

Cartaz da sesión
Cartaz da sesión

Os cafés biocientíficos promovidos pola agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC BioReDes abordan este venres 5 de xuño, a partir das 12.30 horas, as achegas que pode realizar a veterinaria ao control da COVID-19 a partir da experiencia acumulada no control de enfermidades infecciosas en colectivos.

O profesor da área de Sanidade Animal da USC na Facultade de Veterinaria Gonzalo Fernández Rodríguez, afondará sobre esta temática no marco dun relatorio aberto que se poderá seguir, a partir das 12.30 horas, a través da plataforma MS Teams. As persoas interesadas poderán acceder a esta sesión co código 8ggd01m.

Este investigador do grupo INVESAGA da USC lembrará na súa intervención como máis do 60% dos patóxenos infecciosos en humanos teñen ou tiveron orixe nos animais. Nos últimos anos a sociedade asistiu a varias zoonoses que presentaron a capacidade de transmisión entre humanos, o que levou a diferentes alertas sanitarias. No caso dos coronavirus, explicará este docente, producíronse en varias ocasións saltos interespecies desde morcegos ou roedores a animais domésticos e ao ser humano.

A infección por SARS- CoV-2 presenta unhas características epidemiolóxicas que lle conferiron a capacidade de provocar unha pandemia con graves consecuencias sanitarias, sociais e económicas, subliña Fernández Rodríguez, para logo engadir que calquera programa de control de enfermidades infecciosas en colectivos humanos e animais, para ser o máis efectivo posible, debe ter en conta o comportamento da infección na poboación. As bases de control de enfermidades son comúns ás poboacións de animais e humanos, salienta, ao tempo que defende que as experiencias previas en veterinaria poden contribuír á eficacia do control da pandemia do Covid-19.

The contents of this page were updated on 06.03.2020.