O servizo de deportes traballa na apertura progresiva das súas instalacións

As pistas de tenis da USC xa están abertas ao público de luns a venres en horario de 10.00 a 22.00 horas. As persoas usuarias accederán ás pistas 1 e 2 pola porta lateral, respectando a distancia social, e depositarán os seus aveños na esquina que se corresponde coa parte máis alta do peche perimétrico do seu campo, xa que os vestiarios-aseos permanecerán pechados. Para as pistas 3 e 4, a entrada realizarase pola porta de acceso correspondente e seguindo idénticas pautas. Tanto as reservas como a adquisición de abonos de 10 usos farase en liña.
Nas normas de uso establecidas polo servizo, non se permite deixar material de uso común ás persoas usuarias; tampouco se pode cambiar de campo, nin compartir material. Recoméndase utilizar un calzado para o traslado e outro distinto para usar exclusivamente dentro da instalación. Ao cambio de calzado procederase xusto antes do acceso. Asemade, recoméndase acceder e xogar con gorra e gafas.
As portas de acceso ás pistas permanecerán abertas durante as reservas e os pomos soamente serán manipulados polo persoal da instalación ou de limpeza. Dende o servizo recoméndase non tocar o peche perimétrico nin elementos comúns e o saúdo será sen contacto. Cada xogador debe levar o seu xogo de pelotas para efectuar o saque cando sexa a súa quenda, usando o pé e a raqueta para mandarlle a pelota ao xogador contrario. Utilizaranse panos dun só uso que terán que ser desbotados nas papeleiras con pedal e non se permite cuspir nin derramar fluídos.
Sendeirismo e atletismo
O servizo de deportes está tamén a traballar no reinicio da actividade de sendeirismo, en base ás directrices marcadas pola USC e os organismos con competencias na materia. Neste senso, adaptaranse as rutas ás condicións de mobilidade fixadas en cada momento polas autoriades sanitarias. O servizo está tamén a ultimar os detalles do plan de reinicio de actividade no relativo ás pistas de atletismo, previsto para os próximos días.