Skip to main content

A Domus do Mitreo reabre ao público tras miles de visitas na web

Vista do xacemento que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo. Foto: C. Castro
Vista do xacemento que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo. Foto: C. Castro
O xacemento arqueolóxico e as ampliadas salas expositivas do museo universitario do Campus de Lugo abren este martes en horario habitual e coas limitacións de aforo establecidas polas autoridades sanitarias
Lugo

O Museo Universitario A Domus do Mitreo do Campus de Lugo da USC reabre este martes as súas dependencias ás visitas de público logo de permanecer pechadas durante os últimos tres meses por mor dos efectos da pandemia causada pola COVID-19, un período durante o que a web deste singular enclave museístico que, 2.000 anos despois, aínda permite visibilizar a fonda pegada social, económica, cultural e relixiosa que os romanos deixaron na cidade de Lugo, recibiu unha auténtica avalancha de visitantes e rexistrou unha intensa actividade dos recursos didácticos que pon a disposición da cidadanía.

A reapertura das visitas ás dependencias do Museo Universitario A Domus do Mitreo respectará o horario de apertura habitual anterior á pandemia, polo que as persoas interesadas poderán achegarse ás entrañas deste museo de martes a sábado, en quenda de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, ademais das mañás dos domingos, de 11.00 a 14.00 horas.

Alén de contribuír á normalización do proceso de desescalada post-pandemia e de revitalizar o potencial turístico e cultural da capital lucense, a reapertura ao público do Museo Universitario A Domus do Mitreo trae tamén algunhas sorpresas para os visitantes, tal é como é o proxecto de ampliación do número de pezas achadas durante os traballos de escavación deste xacemento, que en breve estarán accesibles nas distintas vitrinas das salas expositivas, segundo indicou a directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, a profesora de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos.

Proxección a través da web

A aposta virtual realizada polo Museo Universitario A Domus do Mitreo coa posta en marcha dunha web interactiva impulsou a proxección deste xacemento romano, un enclave que atopa na ara ao deus Mitra a súa peza máis emblemática, pero que constitúe un dos espazos máis prolíficos para o estudo e o coñecemento da vida e do legado dos moradores romanos que habitaron estas terras da Gallaecia.

A profesora Dopico Caínzos salientou neste senso o excepcional interese espertado por este xacemento en España, pero tamén na comunidade internacional, cuxa avalancha de visitas chegou, por momentos, a colapsar a web do museo. Alén da proxección que achega a web ao Museo Universitario A Domus do Mitreo, a súa directora sinalou o importante labor didáctico e de sensibilización arredor do mundo romano que de tamén está a desenvolver esta bitácora virtual entre a comunidade educativa, tanto entre escolares como docentes, e mesmo nas súas familias.

Dopico sinalou neste senso a boa acollida das diversas fichas didácticas compiladas na web do Museo Universitario A Domus do Mitreo, un material que inclúe elementos de traballo para o profesorado e tamén fichas para o alumnado de ensino primario e de ESO, documentación elaborada con moito esmero e que axuda a mellorar a comprensión e o coñecemento do mundo e da vida na época romana, dixo. Esta profesora de Historia Antiga da USC tamén fixo fincapé noutros aspectos lúdicos que favorece a web da Domus do Mitreo, como o son as receitas de comidas típicas romanas, a través das que se achega ao público información sobre a gastronomía da época e se dá información para elaborar nas súas casas algúns do pratos ou menús máis populares.

Dopico Caínzos adiantou asemade o proxecto de ampliar os contidos compilados na web do Museo Universitario A Domus do Mitreo con material científico e explicativo para completar visitas virtuais a un xacemento mitraico que, desde hai poucas semanas, xa conta cunha entrada na Wikipedia. Esta achega é obra de Manuel Ramírez, profesor de Historia na Universidade de Las Palmas, que elaborou a entrada en castelán. Os responsables do Museo Universitario A Domus do Mitreo acometeron logo a tradución desta entrada ao galego e tamén ao inglés.

The contents of this page were updated on 06.09.2020.