Skip to main content

Libera Bio desenvolverá novos medicamentos para o tratamento personalizado de cancros agresivos

Imaxe de arquivo do laboratorio de María José Alonso na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo do laboratorio de María José Alonso na USC. FOTO: Santi Alvite
Esta spin-off da USC, xurdida do laboratorio da profesora María José Alonso, traballa cunha solución nanotecnolóxica disruptiva
Santiago de Compostela

A USC acaba der ver nacer unha nova spin-off dedicada, nesta ocasión, ao desenvolvemento de novos medicamentos biolóxicos anticanceríxenos baseados en nanotecnoloxía. Libera Bio é unha compañía biofarmacéutica xurdida do laboratorio da profesora María José Alonso, onde se desenvolveu unha solución nanotecnolóxica disruptiva para o tratamento de cancros agresivos e de elevada incidencia a nivel mundial logo de moitos anos de investigación.

Alonso é unha das socias fundadoras da empresa, xunto a Olivier Jarry, asesor de negocio; e Desirée Teijeiro, responsable de valorización de I+D; e a propia USC. Libera Bio fai uso da plataforma patentada MPN Technology®, para dar un paso máis na utilización de medicamentos biolóxicos no tratamento personalizado do cancro: a liberación de anticorpos monoclonais a nivel intracelular, en células tumorais e metastásicas, para tratar dianas ata o momento inabordables farmacoloxicamente. Este é o caso da oncoproteína KRAS, que se encontra mutada en case o 100% dos cancros de páncreas e nun 25-30% dos carcinomas de pulmón, e na que Libera Bio está centrando actualmente os seus esforzos de desenvolvemento.

Prototipo final

Esta novidosa estratexia terapéutica consiste nun vehículo de tamaño nanométrico especialmente deseñado para albergar moléculas de anticorpo e conducilas por vía intravenosa ata o tumor e as células metastásicas, onde se liberan provocando unha resposta antitumoral. Nestes momentos a empresa está a optimizar o prototipo final, facendo probas de concepto e planificando os estudos que lles permitan avanzar da preclínica á clínica. Paralelamente, están a colaborar con empresas farmacéuticas interesadas en facer uso da tecnoloxía aplicada ás súas propias moléculas terapéuticas.  Esta iniciativa nace ao abeiro de BioIncubatech, a primeira bioincubadora de Galicia e a a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario.

Libera Bio xorde grazas ao apoio do programa de valorización IGNICIA - Proba de Concepto da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia coa colaboración da Fundación Barrié, un programa que resulta clave para potenciar a transferencia de coñecemento e a creación de valor a partir de resultados de investigación disruptiva.

María José Alonso (esquerda) é unha das socias fundadoras da empresa, xunto a Olivier Jarry, asesor de negocio;e Desirée Teijeiro (centro), responsable de valorización de I+D
María José Alonso (esquerda) é unha das socias fundadoras da empresa, xunto a Olivier Jarry, asesor de negocio;e Desirée Teijeiro (centro), responsable de valorización de I+D
The contents of this page were updated on 06.11.2020.