Skip to main content

A farmacia e o hospital do futuro, temas centrais das pezas vencedoras no V Concurso de subtitulación de vídeos TED

O certame estivo estruturado en dúas categorías, unha dedicada a membros da comunidade universitaria e outra a membros da comunidade TED
O certame estivo estruturado en dúas categorías, unha dedicada a membros da comunidade universitaria e outra a membros da comunidade TED
Este certame que quere estimular o uso do galego no eido das Ciencias da Saúde contou na súa última edición con 22 participantes e 25 charlas
Lugo, Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, acaba de resolver o V Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego. “Este ano podemos presentar 25 charlas, froito do fantástico labor que fixeron as 22 persoas que presentaron un ou máis subtítulos ao concurso”, explican dende a organización do certame. Estimular o uso do galego nesta área de coñecemento, así como fomentar a existencia de recursos divulgativos en galego en novos soportes neste ámbito, conforman os obxectivos desta iniciativa.

O certame estivo estruturado en dúas categorías, unha dedicada a membros da comunidade universitaria e outra a membros da comunidade TED. Antía Rei foi a vencedora da modalidade A pola peza ‘A farmacia do futuro? Pílulas personalizadas, impresas en 3D na casa’ de Daniel Kraft. No apartado destinado a persoas alleas á USC, o vencedor foi Héctor Pardo Álvarez co vídeo titulado ‘Por que o hospital do futuro ha ser a nosa propia casa’, relatorio que correu a cargo de Niels van Namen. Argantael Kerdudo Baxter e Sara Vázquez Mera foron finalistas da modalidade A; mentres que Candela Lafuente, Adrián Regueira e Claudia Ríos foron os finalistas da modalidade B.

Na primeira modalidade, os inscritos tomaron parte nun obradoiro gratuíto, de catro horas de duración, no que aprenderon como funciona a plataforma de tradución e subtitulación, así como os erros máis frecuentes da tradución inglés-galego. Todos os traballos presentados poden consultarse nesta ligazón.

The contents of this page were updated on 06.11.2020.