O encontro, moderado polo profesor José Edelstein, poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)

José “Pepe” Gordon, unha das figuras máis populares da divulgación científica e a cultura en México, escritor, guionista e presentador do programa 'La oveja eléctrica', participará no segundo diálogo do ciclo 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia', organizado polo IGFAE. Moderado polo investigador do IGFAE José Edelstein, poderá seguirse en directo o vindeiro luns, 22 de xuño, ás 20:00 horas canle de Youtube do IGFAE.
Este proxecto, iniciativa do IGFAE da USC e a Xunta de Galicia, ten o obxectivo de explorar o binomio arte-ciencia con personalidades do eido cultural e artístico, para o que traerá nos próximos meses a figuras coas que se explorarán as interseccións entre a física, a ciencia e a cultura, así como outras reflexións cun enfoque interdisciplinar.
'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia' insérese dentro do programa ArtLAB do IGFAE, unha iniciativa que pretende tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas. Súmase así a 'Cosmoloxías', unha exposición de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky, celebrada en marzo de 2019; e á conferencia 'Física en concerto coas artes' da física teórica Ágnes Mócsy, impartida durante a II Semana da Ciencia do IGFAE en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea.