Skip to main content

Identifican o vínculo entre a formación de placa dental e moléculas de comunicación bacteriana

Ana Parga, Ana Otero e Andrea Muras, científicas do grupo Aquabiotech da USC, son as responsables da investigación
Ana Parga, Ana Otero e Andrea Muras, científicas do grupo Aquabiotech da USC, son as responsables da investigación
O descubrimento abre a posibilidade de usar técnicas baseadas en silenciar as bacterias para previr e tratar enfermidades orais comúns como a carie
Santiago de Compostela

Investigadoras do grupo Aquabiotec da USC, en colaboración con odontólogos do SERGAS e investigadores da empresa DENTAID, acaban de demostrar a importancia dos procesos de comunicación bacteriana, tamén chamados quorum sensing, mediados por un tipo específico de moléculas dentro da cavidade oral e a súa relación coa formación da placa dental. O equipo identificou de forma inequívoca a presenza dun tipo de sinais de comunicación concretas en diferentes mostras orais e a súa produción polo importante patóxeno Porphyromonas  gingivalis. As investigadoras destacan a importancia do descubrimento, xa que ata a data este tipo de moléculas de comunicación bacteriana, chamadas acil-homoserin lactonas (AHL), pasaran por completo desapercibidas ante a comunidade científica, polo que non se consideraban relevantes dentro da cavidade oral. 

A importancia deste descubrimento radica en que se dispón de ferramentas para bloquear esta vía de comunicación, un proceso coñecido como  quorum  quenching, inhibindo así a formación da placa dental. O  quorum  quenching considérase unha interesante alternativa ao uso dos antibióticos xa que ao non matar directamente ao  patóxeno senón simplemente bloquear a súa virulencia (antipatoxénico), non se espera que xeren as tan problemáticas resistencias. Neste traballo tamén se demostrou que o uso de compostos de quorum  quenching con actividade específica contra estes sinais, como a enzima Aii20 J, patentada polo grupo da USC, poden reducir a formación de  biopelículas orais cultivadas en diferentes sistemas in vitro. 

Desta forma, os resultados obtidos neste estudo non só permitirán comprender mellor a comunicación dos microorganismos bucodentais, senón que abren a posibilidade de usar técnicas baseadas en silenciar ás bacterias para previr e tratar enfermidades orais tremendamente comúns como a carie ou a enfermidade periodontal. “Ao mesmo tempo, os resultados terán un gran impacto económico xa que estas enfermidades orais son a cuarta patoloxía máis cara de tratar a nivel mundial”, explica a investigadora de Aquabiotec, Andrea Muras.

Impacto sanitario e económico

As dúas principais enfermidades orais, a carie e a enfermidade periodontal (xenxivite e periodontite) derivan dun desequilibrio nas poboacións  bacterianas que forman a placa dental. O impacto sanitario e económico destas dúas enfermidades é enorme. A carie está considerada pandemia nos países industrializados, onde entre o 60% e o 90% dos escolares e case o 100% dos adultos ten ou tivo carie dental. A enfermidade periodontal é a principal causa de perda de pezas dentais en adultos, afectando nas súas fases máis avanzadas (periodontite grave) a entre o 15% e o 20% dos adultos de idades comprendidas entre os 35 e 44 anos. Ademais, nos últimos anos púxose de manifesto que as enfermidades orais tamén deben considerarse un factor de risco noutras patoloxías tan importantes como as enfermidades cardiovasculares, o cancro oral e de páncreas, e mesmo a enfermidade de Alzheimer. É por tanto crucial o desenvolvemento de novas terapias non agresivas para o tratamento das enfermidades orais.

The contents of this page were updated on 06.22.2020.