O aforo estará reducido seguindo o protocolo de seguridade. O despacho para retirar as entradas permanecerá aberto desde as 19.00 horas

Esta peza, a cargo da compañía Kirenia Danza, terá lugar na terraza do Auditorio da Universidade, e a entrada será de balde ata completar aforo. A función comeza ás 20.30 horas e dura 55 minutos.
'Emigrantas' é unha peza de danza sobre a última diáspora galega con perspectiva de xénero. Dúas intérpretes en escena vivencian unha experiencia central na súa xeración: a emigración e o retorno da derradeira diáspora que se distingue das anteriores. 'Emigrantas' é unha peza de danza para bailar datos, estatísticas, vivencias, intuicións e posibilidades coas que tecer un ensaio bailado sobre a actual diáspora galega en compaña doutras comunidades de migrantes dentro e fóra da Galicia interterritorial.
O festival 'USCénica 2020' terá lugar entre o 1 e o 18 de xullo. Esta iniciativa, que se desenvolverá entre a sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, o Salón Teatro e a terraza do Auditorio da Universidade, inclúe tanto funcións de teatro coma concertos. A totalidade da recadación do festival irá destinada á asociación Banco de Alimentos de Santiago de Compostela. A tal efecto, pódese adquirir unha butaca 0 para contribuír a esta axuda sen asistir a ningunha función, facendo un ingreso no nº de conta ES69 0049 1467 29 2010476054 (Banco Santander).
Dado o aforo reducido, non existe a posibilidade de mercar un abono para todo o festival. Unha vez comezada a función non se permitirá o acceso a ningún dos espazos.