O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial superou o millón de euros de facturación en 2019

Enerxía, materiais, sector naval ou medio ambiente son algúns dos ámbitos nos que se desenvolveron algúns dos 85 proxectos de transferencia de coñecemento á industria que promoveu nos seus primeiros sete anos de vida o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), participado polas tres universidades galegas e con sede no campus compostelán.
A cifra de negocio de ITMATI dende a súa creación ascende aos 6.661.943,58 €. En 2019 obtivo unha facturación de 1,01 millóns de euros da cal o 87,92% foi captada a través de contratos e proxectos competitivos de transferencia, segundo os datos do balance anual que o centro acaba de presentar. A porcentaxe do orzamento de 2019 procedente do sector privado foi dun 69,88%, do que o 68,60% corresponde a entidades privadas españolas, mentres que a porcentaxe procedente do sector público foi de 30,12%. “Son números espectaculares, xa que ao financiamento público directo, achegado pola Xunta de Galicia, reduciuse en 2019 a un 10,40%, é dicir, que por cada euro investido en ITMATI o centro captou máis de 10. Estas cifras permitiron manter con éxito a folla de ruta marcada para conseguir os seus principais fins: promover a transferencia de tecnoloxía matemática a partir do coñecemento desenvolvido nas universidades galegas, e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das Administracións Públicas”, sinala o equipo directivo do centro.
A directora de ITMATI, a profesora da USC Peregrina Quintela Estévez, manifesta que “a Matemática Industrial é a base para que a actividade das empresas evolucione cara o concepto de industria 5.0. Na Industria 4.0 priorizábase a automatización dos procesos, minimizando a participación humana. Na Industria 5.0 o obxectivo será conseguir os maiores beneficios posibles da interacción home-máquina, atopando un equilibrio entre o uso da tecnoloxía e o potencial creativo do ser humano”.
Nesta mesma liña, o presidente de ITMATI, Salvador Naya Fernández, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, sinala que “ITMATI estase convertendo nun instrumento chave na que está sendo a cuarta revolución industrial, posto que reúne o coñecemento para a aplicación dun conxunto de tecnoloxías que fan posible todo o potencial da automatización requirida para unha industria 4.0 e a transformación dixital cara a unha industria 5.0. Neste senso, as ferramentas de modelización, simulación numérica, modelización estatística (Big Data) e optimización e computación das que fai uso o centro son fundamentais á hora de falar de industria intelixente e dixital”. Na súa opinión “ITMATI está chamado a ser un referente para a industria galega, o conxunto da española e a internacional”, tal e como se pode constatar cos casos de éxito que se recollen na súa memoria 2019, aprobada no Consello de Goberno do centro o 22 de xullo de 2020.