As paisaxes fire-smart, unha solución sostible aos incendios forestais na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés

Un estudo liderado dende a USC e o centro de investigación CIBIO/InBIO da Universidade do Porto apunta a “xestión intelixente do fogo” a escala de paisaxe como solución ao impacto dos incendios forestais, garantindo simultaneamente a conservación da biodiversidade e de fornecemento de servizos ecosistémicos para as próximas décadas na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. Como explica o investigador e coordinador do proxecto Adrián Regos, a “xestión intelixente do fogo, ou fire-smart en inglés, ten como obxectivo controlar o réxime de incendios a través de intervencións na configuración da vexetación que favorezan paisaxes mais resistentes e resilientes ao fogo, ao tempo que aseguren a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos”. Como engade o investigador, “a pesar da súa relevancia no actual contexto de éxodo rural e o cambio climático, apenas hai estudos que avalíen a eficiencia destas estratexias fire-smart”.
O traballo foi publicado recentemente na revista Ecosystem Services, co título Mountain farmland protection and fire-smart management jointly reduce fire hazard and enhance biodiversity and carbon sequestration. O equipo abordou este estudo partindo da idea de que “o crecente impacto do incendios forestais nas paisaxes do sur de Europa están intimamente relacionadas co cambio climático e o abandono das actividades silvopastorais tradicionais”. Ademais, “as políticas actuais de xestión de incendios céntranse principalmente na supresión inmediata, sen ter en conta o papel fundamental que o fogo como proceso exerce nos ecosistemas, o que paradoxicamente favorece a acumulación de ‘combustible’ e a unha transición cara paisaxes mais inflamables e propensos a sufrir grandes incendios forestais (e dicir, aqueles de máis de 1000 hectáreas)”, aclaran os autores do traballo.
O estudo pretendeu explorar estas cuestións, simulando a evolución da paisaxe mediante modelos matemáticos de acordo con diferentes estratexias de xestión do territorio para as próximas décadas (2020-2050) e analizando os seus potenciais impactos no réxime de incendios, no secuestro e almacenamento de carbono, e na dispoñibilidade de hábitats para 116 especies de aves, anfibios e réptiles.
O estudo “demostra como políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais nesta zona (revertendo a actual tendencia de abandono rural) poderían reducir ata un 50% (10.000 hectáreas) as áreas afectadas polos grandes incendios forestais previstas entre 2030 e 2050 de acordo co réxime de incendios histórico”, aclara o doutor Regos. Ademais de mitigar o impacto dos grandes incendios forestais, engade que “este xiro nas políticas agrícolas aseguraría a dispoñibilidade de hábitats de especies protexidas e ameazadas ao longo das próximas tres décadas, e combinada cunha conversión gradual de plantacións forestais cara masas forestais máis resistentes ao fogo (dominadas por bosque nativo caducifolio, como as carballeiras) contribuiría a un aumento no secuestro de carbono (un aumento de cerca de 3,5 Tg C entre 2020 e 2050), é dicir, na regulación climática”.
En opinión dos investigadores, “resulta evidente a necesidade de políticas de xestión preventivas, integrais e intersectoriais que contribúa a redución no impacto dos incendios, explorando solucións sostibles e socio-economicamente viables para o problema do incendios forestais en áreas fortemente afectadas polo abandono rural e a alta recorrencia de incendios”. O estudo foi desenvolvido no ámbito do FirESmart (https://firesmartproject.wordpress.com), un proxecto de investigación coordinado polo investigador da USC Adrián Regos e integrado por diversos institutos e centros de investigación de Portugal e España (proMetheus, CREAF, Universidade de Santiago de Compostela, CITAB, CIMO e CSIC).