Skip to main content

Últimas semanas para participar nos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero

Alumnas en laboratorio. Foto: Santi Alvite
Os premios contemplan dúas modalidades, para propostas docentes e traballos de investigación. Imaxe de arquivo. Foto: Santi Alvite
A admisión de orixinais no marco deste certame rematará o vindeiro 10 de setembro e contempla dúas modalidades, para a inclusión da perspectiva de xénero na docencia e nos traballos de investigación de calquera área de coñecemento
Lugo, Santiago de Compostela

Os ‘Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero’ da USC chegan xa á súa undécima edición. A convocatoria contempla dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do PDI da USC. A primeira modalidade pon o foco nas accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia; mentres que a segunda modalidade valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento. A admisión de orixinais no marco deste certame rematará o vindeiro 10 de setembro.

Modalidades

A modalidade A recoñecerá unha experiencia educativa innovadora relativa á inclusión da perspectiva de xénero na docencia, realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos. A experiencia terá que incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade e terase en conta que sexa susceptible de ser trasladada a outros contextos de ensino superior. En todo caso, farase unha breve valoración dos beneficios que supuxo a experiencia mediante a achega de datos do alumnado. Estas cuestións deberán describirse de forma detallada na memoria do traballo. Dado que o obxectivo do concurso é impulsar a perspectiva de xénero no ámbito da docencia onde aínda non está implantada, ficarán excluídas aquelas experiencias feitas ao abeiro de materias que xa incorporan no seu nome e temática a perspectiva de xénero. O propósito é a promoción da incorporación das ferramentas conceptuais e os contidos transformadores de xénero en todos os ámbitos, non premiar as materias pola súa propia natureza.

Na modalidade B premiarase aqueles traballos de investigación desenvoltos nos últimos tres anos en calquera ámbito do coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipótese, deseño e proxecto, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación de resultados obtidos. Estas cuestións deberán describirse de forma detallada na memoria do traballo.

Premios

Serán premiadas un máximo de seis experiencias que o xurado estime de maior calidade, tres dentro de cada modalidade. Os primeiros premios recibirán 1.000 euros cada un; os segundos, 750 euros; e os terceiros, 500. “Estes galardóns constitúen unha das accións consolidadas das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero en dúas das principais facetas da actividade de xeración e difusión de coñecemento: a docencia e a investigación”, explican dende a Oficina de Igualdade de Xénero da USC.

Iniciativa consolidada

Esta iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de “Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación” de entre máis de 50 de toda a Unión Europea; e incluída na ferramenta en liña GEAR tool de apoio a organizacións investigadoras como é o caso das universidades, na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero. Esta undécima edición conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, como entidade co financiadora.

 

The contents of this page were updated on 08.14.2020.