Santiago, entre as 500 mellores universidades do mundo

A USC volve situarse un ano máis entre as 500 mellores universidades do mundo, segundo a clasificación elaborada polo Academic Ranking of World Universities (ARWU), tamén recoñecido popularmente como ránking de Shangai. A institución compostelá atópase no intervalo 401-500 das mellores universidades do mundo e no 10-13 das mellores de España, país do que o ránking destaca un total de 40 institucións.
As universidades recollidas neste listado clasifícanse segundo varios indicadores de rendemento académico ou de investigación, tales como o número de ex alumnado ou profesorado premiado cos premios Nobel ou as medallas Fields, así como o persoal investigador altamente citado. Tamén se toman en consideración as publicacións incluídas en revistas como Nature ou Science, así como os artigos altamente citados en Science Citation Index-Expanded e Social Science CItation Index, entre outros aspectos. En total, para a elaboración da clasificación final trátanse os datos de máis de 2.000 universidades, entre as que se seleccionan as mil mellores.
ARWU preséntase publicamente como “o precursor do ránkings universitarios globais” e “un dos máis confiables do mundo”. Dende a súa primeira edición en 2013, a USC aparece incluída ata en once ocasións, as sete últimas de xeito consecutivo dende 2014.
Clasificación por materias
A esta clasificación xeral, súmase o ránking específico por materias publicado tamén por ARWU recentemente e no que a institución compostelá destacaba nun total de quince ámbitos específicos das Ciencias Naturais, a Enxeñaría, as Ciencias da Vida, as Ciencias Médicas e as Ciencias Sociais. Ademais dunha enquisa de excelencia académica, esta clasificación toma en consideración os datos bibliométricos de Web of Science e InCites para medir a grao de produtividade investigadora de cada institución analizada a súa calidade ou o alcance das colaboracións internacionais, entre outros aspectos.
Segundo esta clasificación, a USC atópase na posición 76-100 en Ciencias Veterinarias e no intervalo 151-200 en Odontoloxía, Farmacia e Ciencias Farmacéuticas e en Tecnoloxía Alimentaria. En Hostalaría e Xestión Turística ascendería á posición 201-300 e figuraría no intervalo 301-400 en Matemáticas, Física, Química, Ciencias Agrícolas, Biotecnoloxía, Ciencias da Enerxía, Ciencias Medioambientais e Economía. Asemade e completando a listaxe, Ecoloxía e Enxeñaría Química ocupan o intervalo 401-500.