USC e Afinet reúnen máis de 40 persoas nun curso sobre prevención de incendios, queima prescrita e pastoreo

O curso ‘Sistemas agroforestais e prevención de incendios: queima prescrita e pastoreo’, unha actividade formativa promovida pola Rede de Innovación Agroforestal Afinet e canalizada a través do Centro de Estudos Propios da USC na que tomaron parte desde o pasado martes máis de 40 persoas, chega este venres ao seu colofón cunha viaxe de prácticas aos Ancares. Así, logo de tres xornadas de formación en liña, a metade do alumnado inscrito participou hoxe na visita programada aos Ancares, durante a que poderán coñecer as parcelas nas que se está a desenvolver a unha das experiencias piloto do proxecto Interreg ‘Open2preserve’, unha iniciativa europea que combina prácticas de herbivorismo guiado e técnicas iniciais de redución de combustible mediante queimas controladas.
A catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo e coordinadora de Afinet, Rosa Mosquera, quen co dirixe xunto con Nuria Ferreiro esta actividade formativa, salientou a boa acollida dun programa orientado a afondar na prevención do lume no que tomaron parte técnicos e profesionais dos servicios de incendios, alumnado universitario e ata persoal da Unidade Militar de Emerxencias (UME) destacados en León.
Estruturado en 2,5 créditos ECTS, os contidos tratados nas diversas sesións en liña desenvolvidas posibilitaron ao alumnado inscrito ampliar os seus coñecementos sobre os sistemas agroforestais, estratexias de xestión do territorio e prevención de lumes, xestión do monte e biodiversidade, así como respecto das respostas das comunidades leñosas ao pastoreo e mesmo das áreas Pasto-Cortafogo de Andalucía.

