Skip to main content

Pemade edita unha guía de subministro e caracterización de madeira estrutural ao abeiro do Life EcoTimberCell

Laboratorio da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC
Laboratorio da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC
A publicación, concibida como un documento de consulta, proporciona as ferramentas para realizar a caracterización da madeira estrutural e o seu proceso de certificación
Lugo

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC vén de publicar unha guía de subministro e caracterización da madeira estrutural ao abeiro do proxecto LIFE EcoTimberCell, un programa europeo orientado a promover unha construción sostible e eficiente, ademais dunha mellor xestión forestal local.

A publicación ‘Guía de subministro e caracterización da madeira estrutural’, que está accesible na web www.lifeecontimbercell.eu, describe polo miúdo o proceso de caracterización da madeira estrutural que se desenvolve mediante unha secuencia que comeza por unha clasificación visual á que lle segue a realización de ensaios mecánicos destrutivos e finaliza coa aplicación de métodos non destrutivos. Esta metodoloxía está baseada na correlación de datos que optimiza o subministro da madeira local para produtos estruturais de madeira.

Ante a alta variabilidade das características e singularidades da madeira e a conseguinte necesidade de efectuar un proceso de clasificación que permita a súa caracterización como madeira estrutural, a guía elaborada ao abeiro do LIFE EcoTimberCell debulla todos os pasos deste proceso a partir da aplicación da normativa vixente para o cálculo dos valores característicos e a asignación de calidades e de clase resistente á madeira.

O Life EcoTimberCell, un proxecto impulsado desde Galicia na súa condición dunha das potencias forestais más importantes de Europa, ten como base a madeira local certificada en apoio dunha xestión forestal sostible que propicia un aproveitamento económico, social e respectuoso dos bosques. Daquela esta nova guía, un documento  que compila amplo material gráfico e explicacións sinxelas para calquera persoa do sector forestal e da construción con madeira, reflexa en datos a relevancia deste recurso  e a evolución da certificación forestal tanto a nivel rexional como a nivel nacional.

Aproveitamento da madeira

O bo aproveitamento da madeira pasa polo coñecemento das súas propiedades, subliñan os promotores do LIFE EcoTimberCell, ao tempo que indican que as claves da caracterización dos recursos madeireiros para uso estrutural aparecen explicadas na guía. O proceso comeza cunha valoración visual mediante o estudo das súas singularidades, como nós ou deformacións, o que permite unha clasificación en base ás clases de calidade segundo a especie. Logo prosigue cunha clasificación mecánica da madeira mediante métodos non destrutivos, métodos mecánicos acústicos, a fin de estimar as clases resistentes da madeira estrutural.

Para a caracterización da madeira serrada para uso estrutural tamén se realizan ensaios mecánicos destrutivos e tamén é posible establecer fórmulas de paso que permitan correlacionar os seus resultados e os dos ensaios de propagación de ondas sónicas os métodos non destrutivos. Isto permite relacionar o módulo de elasticidade dinámico obtido mediante métodos non destrutivos co módulo de elasticidade estático dos ensaios destrutivos.

Socios do LIFE EcoTimberCell

O proxecto LIFE EcoTimberCell é un programa liderado pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), que dirixe o catedrático da USC Manuel Guaita, en colaboración coa empresa Betanzos HB, o Centro Tecnolóxico Forestal da Madeira (CETEMAS) e o Instituto de Tecnoloxía da Construción de Cataluña (ITEC), e no que tamén participa 3edata, unha spin off do Campus de Lugo da USC que ofrece solucións de enxeñaría a partir de datos ambientais. Este Life constitúe asemade unha proposta enfocada á mitigación do cambio climático á que a Comisión Europea achegou un financiamento de dous millóns de euros.

 

The contents of this page were updated on 09.21.2020.