Unha proposta de Nueva Pescanova pon en marcha o primeiro dos Desafíos empresariais con perspectiva de xénero

O programa de Desafíos empresariais con perspectiva de xénero bota a andar co obxectivo de que alumnado universitario da USC achegue respostas con aval científico e académico a desafíos concretos formulados dende a empresa. Como protagonista do entorno empresarial, Nueva Pescanova lanzou este venres o seu desafío: identificar propostas de influencia de xénero na mellora continua, concretamente a través do uso da perspectiva de xénero na identificación e resolución de problemas e detección de oportunidades de mellora. Para a definición de proposta utilizaranse os datos procedentes de dúas fontes distintas, a análise dos datos internos e os derivados do servizo de atención á clientela, onde se reciben, identifican e tratan os problemas que se detectan en produtos.
Unha xornada de debate este venres 8 no Consello Social da USC serviu de acto de presentación do programa de Desafíos, unha iniciativa lanzada pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Universidade de Santiago a través do seu programa Woman Emprende para promover a incorporación da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade entre grupos empresarias galegos.
A partir do desafío proposto por Nueva Pescanova, o obxectivo deste programa é que o alumnado da USC participe na presentación de propostas que axuden á resolución do desafío, a través do debate e coa formulación de ideas novidosas que redunden no desenvolvemento de boas prácticas. O alumnado que se apunte contará tamén co apoio dun grupo de profesionais do ámbito económico avalando cientificamente a evolución das propostas presentadas para resolver os desafíos, así como co equipo técnico de Woman Emprende que en colaboración co persoal da Secretaría Xeral de Igualdade irán titorizando todo o desenvolvemento do programa achegando rigor e axudando á incorporación da perspectiva de xénero nas solucións propostas.
O alumnado que se inscriba, ademais de recibir un premio pendente de determinar pola organización e a empresa que formula o desafío, obterá experiencia en casos reais de grandes empresas e traballará na análise de como a perspectiva de xénero mellora as organizacións empresariais. Ademais de propiciar un achegamento ao mundo dos negocios e unha reflexión respecto das desigualdades de xénero, a convocatoria busca transferir os coñecemento adquiridos para practicar a súa incorporación ao mercado laboral e estimular a creatividade e o traballo en equipo.
Inscrición
A inscrición para a participación no programa, aberta a todo o alumnado da USC, deberá realizarse a través da web de Woman Emprende, sendo posible participar en modalidade individual ou por equipos. Quen opte por facelo individualmente será conformado nun equipo logo dun proceso de selección que se realizará con criterios do persoal técnicos do programa Woman Emprende. Os equipos terán un mínimo de tres e un máximo de cinco persoas participantes. O prazo permanecerá aberto ata o 5 de decembro.
A xornada na que se presentaron os detalles do programa celebrouse este venres na sede do Consello Social da USC nun acto no que participaron a presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra Rey; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; o director corporativo de RSC e Relacións Institucionais do grupo Nueva Pescanova, Ángel Matamoro Irago; e a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade da Secretaría Xeral de Igualdade, Aurora Patiño Doval.