Skip to main content

O luns 11 prodúcese un dos poucos Tránsitos de Mercurio do século

Imaxe captada o ano 2016 do Tránsito de Mercurio por diante do disco solar. Foto: OARMA
Imaxe captada o ano 2016 do Tránsito de Mercurio por diante do disco solar. Foto: OARMA
Este é un fenómeno que unicamente se produce arredor de en trece ocasións cada cen anos
Lugo, Santiago de Compostela

Este luns 11 será unha das poucas oportunidades de presenciar o Tránsito de Mercurio por diante do disco solar neste século, xa que este fenómeno astronómico non volverá acontecer ata o ano 2032. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, estes tránsitos teñen lugar a intervalos de 3.5, 7, 9.5, 10 e 13 anos, de tal xeito que por termo medio prodúcense arredor de trece por século. Ademais, “só poden ter lugar preto dos días 8 e 9 de maio ou 10 e 11 de novembro, datas nas que Mercurio atravesa o plano da Eclíptica”. Os que teñen lugar en maio duran arredor de oito horas, xa que nesa época o planeta vai máis lento na súa órbita ao estar máis lonxe do Sol. O último Tránsito de Mercurio tivo lugar o 9 de maio de 2016 e o próximo producirase o 13 de novembro de 2032.

Como explica o profesor Docobo, o deste luns 11 comezou ás 13.35 horas, terá o seu medio ás 16.20 e remata ás 19.04 horas, se ben a súa visualización está condicionada polas condicións meteorolóxicas previstas para a xornada. No caso en que fóra posible a súa observación, o director do Observatorio Astronómico da USC lembra que o “único método seguro para seguir o Tránsito é proxectar a imaxe do Sol sobre unha pantalla, nunca mirando cara el directamente salvo que se dispoña de gafas especiais como as usadas nas eclipses de Sol, pero aínda así desaconséllase observar de xeito continuado”.

Unicamente Mercurio e Venus, os planetas interiores, poden ser protagonistas destes acontecementos. Se as órbitas destes planetas fosen coplanarias coa da Terra (a Eclíptica), “entón poderíamos contemplar tres Tránsitos de Mercurio ao ano, pero a órbita deste último está inclinada 7° con respecto á Eclíptica” o que explica a singularidade do fenómenos, aclara José Ángel Docobo.

O primeiro Tránsito de Mercurio do século pasado fora seguido dende Lalín en 1907 por Ramón María Aller Ulloa, facendo logo unha pormenorizada descrición do suceso nun texto que permaneceu inédito ata 2013, momento no que foi publicado facsimilarmente no número 12 do anuario Descubrindo Deza. O de 2016 foi fotografado dende o Observatorio universitario.

No pasado, os Tránsitos foron “moi útiles para axudar a determinar as dimensións do Sistema Solar e na actualidade, o paso de planetas por diante doutras estrelas é unha das técnicas que máis planetas extrasolares ten permitido descubrir” engade Docobo.

The contents of this page were updated on 12.05.2019.