A EPS de Enxeñaría da USC espalla a súa pegada ata Oriente

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC espalla a súa pegada alén das fronteiras galegas e incluso sementa coñecemento no lonxano oriente a través dos seus titulados e investigadores que están a desenvolver os estudos de doutoramento no centro universitario lugués. Unha nova mostra da dimensión internacional da que goza a EPSE é o recoñecemento que veñen de acadar os investigadores predoutorais do grupo Silvopast da USC Tamara Isabel Franco Grandas e Francisco Javier Rodríguez Rigueiro, distinguidos entre os mellores alumnos da última edición da Escola Internacional de Verán de Agricultura Tropical (ITFSS, no seu acrónimo en inglés), un foro científico e académico que desde 2015 promove a Universidade Muhammadiyah Yogyakarta de Indonesia.
A Escola Internacional de Verán de Agricultura Tropical é unha proposta académica que conta tamén cunha importante dimensión social, a través da que estudantes e investigadores en formación de todo o mundo poden ampliar os seus coñecementos en agricultura tropical emerxente, sobre todo nos aspectos relativos ás condicións naturais, económicas e socio-institucionais que afectan á produción agrícola. Os rendementos desta produción agraria varían de xeito significativo en función de parámetros xeográficos e tamén temporais, unha realidade que ao longo da historia ten propiciado o desenvolvemento de diferentes tipos de organización agrícola.
A iniciativa formativa promovida pola Universidade Muhammadiyah Yogyakarta de Indonesia abordou a análise desta conxuntura nun curso estruturado en sete sesións teóricas, que xiraron arredor de tres bloques temáticos: Agroecosistema tropical, sistema integrado de agricultura, e xestión de residuos agrícolas. Ao longo das clases teóricas desenvolvidas, os vinte alumnos que tomaron parte na última edición da Escola Internacional de Verán de Agricultura Tropical, tiveron que achegar propostas e solucións para resolver diversos problemas de agricultura tropical no campo, a través do estudo de casos prácticos e da realización de diagnósticos cos posibles tratamentos a aplicar.
Unha vez completado o período de formación, a Universidade Muhammadiyah Yogyakarta de Indonesia involucrou a todo o alumnado participante na súa Escola Internacional de Verán de Agricultura Tropical na resolución dun caso práctico que posteriormente sería avaliado e no que, a modo de competición por equipos, a mocidade investigadora tivo que propoñer solucións ás problemáticas expostas pola organización.
Este concurso de carácter científico académico foi que puxo de manifesto as capacidades e competencias na materia acreditadas polos dous investigadores predoutorias na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, xa que o grupo coordinado pola bióloga sarriá Támara Isabel Franco Grandas e polo enxeñeiro de montes con raíces no Incio Francisco Javier Rodríguez Rigueiro, e do que tamén formaban parte outros dous investigadores de Xapón e Indonesia, acadou a cualificación máis alta do xurado e proclamouse campión da Escola Internacional de Verán de Agricultura Tropical 2020.