Skip to main content

Innovatia 8.3 premia os mellores proxectos de emprendemento feminino baseados no coñecemento e na ciencia

Mulleres en aula. Foto. Santi Alvite
Innovatia 8.3 promove o emprendemento de base universitaria e liderado por mulleres, baseado no coñecemento e na ciencia. Foto: Santi Alvite
A terceira edición do certame recoñecerá o vindeiro 8 de outubro as máis innovadoras empresas de base tecnolóxica e startup
Lugo, Santiago de Compostela

A entrega de premios correspondente á terceira edición do Concurso Innovatia 8.3 desenvolverase o vindeiro 8 de outubro a través dunha sesión que se celebrará en liña por mor da COVID-19 no marco dun congreso homónimo.  Innovatia 8.3 promove o emprendemento de base universitaria e liderado por mulleres, baseado no coñecemento e na ciencia. Exemplo deste emprendemento son as empresas convocadas a esta terceira edición tanto na categoría de Empresa de Base Tecnolóxica como de Empresa Startup. Esta inicitaiva é froito do convenio asinado pola USC e o Instituto de la Mujer.

O Congreso  Innovatia 8.3, non pode obviar a situación provocada pola COVID-19 e pretende ser un espazo de reflexión onde valorar o contexto actual, identificar os principais obstáculos e oportunidades e tratar de avanzar solucións innovadoras. “As políticas de reactivación económica deben estar centradas no crecemento inclusivo, e a sustentabilidade ambiental, baseados no diálogo social e a gobernabilidade efectiva e incorporar sistematicamente a perspectiva de xénero”, sinalan dende a organización. “As estratexias e medidas que se leven a cabo deberanse conectar con estratexias de financiamento aliñadas cos esforzos máis amplos dos gobernos para financiar os  Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e estar orientadas a frear posibles retrocesos no cumprimento da Axenda 2030, que debe de ser un documento reitor para a transferencia universitaria”, continúan.

Concorren neste certame aquelas mulleres que creasen empresas con presenza maioritaria de mulleres no seu Consello de Dirección ou Consello de Administración e que fosen creadas co apoio dalgunha das universidades españolas ou dos  OPIs. O concurso tamén ten por obxecto promover a igualdade de oportunidades entre persoas de ambos os dous xéneros no ámbito universitario e tecnolóxico.

As empresas candidatas optarán a dous galardóns. Por unha banda, o premio ao proxecto empresarial de base tecnolóxica dotado con 10.000 euros; e pola outra, o premio a proxecto empresarial Startup dotado con 7.000 euros. En ambos os dous casos, a antigüidade do proxecto empresarial non pode superar os cinco anos. Cada proxecto empresarial participante poderá recibir como máximo un premio.

Criterios de valoración
O comité avaliador terá en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto; o grao de innovación do produto, proceso ou servizo; o volume de emprego creado ou proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor formado por mulleres e homes; así como ter en consideración políticas de igualdade, na actividade da empresa.

The contents of this page were updated on 09.28.2020.