Skip to main content

Alumnado de Ciencias da Educación elabora materiais didácticos para a aula hospitalaria do CHUS

Os profesores Yésica Teijeiro (no centro da imaxe) e Jesús Rodríguez fan entrega dos materiais didácticos ao CHUS
Os profesores Yésica Teijeiro (no centro da imaxe) e Jesús Rodríguez fan entrega dos materiais didácticos ao CHUS
Xogos de mesa, contos ou mesmo curtametraxes nacen ao abeiro do proxecto de Aprendizaxe e Servizo ‘A maleta de emerxencias pedagóxicas: materiais didácticos en aulas hospitalarias’
Santiago de Compostela

‘A maleta de emerxencias pedagóxicas: materiais didácticos en aulas hospitalarias’ é un proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) que se iniciou na USC no curso académico 2018-2019 e que presenta agora os resultados da súa segunda edición. O alumnado de cuarto curso do Grao en Pedagoxía e dos Graos en Mestre/a de Educación Infantil e Educación Primaria deseñaron, a través desta iniciativa, 20 materiais didácticos, tanto impresos como dixitais, para a aula hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Deste xeito, elaboráronse xogos de mesa, contos, actividades de manipulación, un relato interactivo, unha curtametraxe e unha guía tanto en papel como en formato dixital, sobre as diferentes estancias do hospital. “Todos eles están adaptados ás idades dos pacientes pediátricos ou ás súas familias, que serán os principais destinatarios destes recursos nos seus períodos de hospitalización e de escolarización na aula hospitalaria do CHUS”, explica a profesora da Facultade de Ciencias da Educación, Yésica Teijeiro Bóo.

Baixo a coordinación do profesorado da USC e da profesora da aula hospitalaria, o alumando traballa en grupos durante tres meses nunha proposta adaptada ás necesidades do contexto. “Os obxectivos específicos desta iniciativa consisten en identificar os principais materiais empregados na atención socioeducativa ofrecida dende as aulas hospitalarias; deseñar, experimentar e avaliar propostas de materiais didácticos dixitais en distintos formatos adaptados ás necesidades do alumnado das aulas hospitalarias do CHUS; e realizar propostas de intervención nunha aula hospitalaria a través do emprego dos materiais didácticos elaborados”, explica a profesora Teijeiro Bóo.

Fases do proxecto

O proxecto conta con varias fases como son, en primeiro lugar, o contacto coa aula hospitalaria de Santiago co fin de coñecer as súas necesidades de materiais didácticos.  Identificadas as demandas concretas, procedeuse a unha reunión conxunta co alumnado das materias de Pedagoxía Hospitalaria e de Materiais Didácticos co gallo de explicar a proposta da experiencia e a iniciativa a desenvolver para, a continuación, poñer en marcha as fases de desenvolvemento e avaliación. No mes de novembro do pasado ano levouse a cabo a fase de experimentación dos materiais cos pacientes pediátricos da aula, para avaliar a súa funcionalidade e ver se respondían aos obxectivos propostos. Na derradeira fase, incorporáronse os cambios pertinentes e fíxose a versión definitiva dos materiais.

Materiais diversos

 ‘O club dos soños’, libro interactivo no que o neno/a ten que poñerse na pel dunha personaxe chamada Lía e escoller distintas situacións que o levan a reflexionar sobre a súa estancia no hospital, é un dos materiais incluídos na ‘Maleta de Emerxencia Pedagóxicas’ recentemente entregada ao CHUS dende a USC.

Pola súa parte, ‘Paralelos’ é unha curtametraxe na que se mostra a vida diaria no hospital, así como a rutina fóra do mesmo. “Un vídeo inspirador que trata de buscar a empatía do espectador e presentar os datos sobre os nenos/as que teñen que pasar algún tempo no hospital e a necesidade de ser conscientes dunha realidade que nos pode tocar a todas/os”, sinala a profesora Teijeiro. A sensibilización é o obxectivo principal da curta que mostra as instalacións do hospital, acompañada dunha voz narradora que axuda a comprender a realidade dos máis pequenos/as que teñen que permanecer nestas instalacións. 

Asemade, O ‘Botiquín de emerxencias emocionais’ está repleto de xogos diversos onde os cativos e cativas poden traballar as emocións, dende como se senten, como expresalas ou como saber que senten os demais; mentres que en ‘Posturea-T no hospital’ diversos animais presentan as instalacións do centro aos pacientes pediátricos a través de pósters con códigos QR.

‘A pirámide alimentaria’ serve para que o alumnado poida traballar dunha forma moito máis divertida os alimentos que conforman unha dieta saudable e as súas propiedades. Todo isto fano a través de pequenos xogos e retos, nos que teñen que colocar os diferentes alimentos nunha pirámide, cantar ou facer xirar unha ruleta e enfrontarse a unha pregunta. Finalmente, ‘A árbore mensaxeira’ permite escribir mensaxes nunhas cartolinas con forma de froitos e colgalas para que as lean os demais pacientes pediátricos, a modo de correspondencia entre os nenos e as nenas. “Trátase dun taboleiro divertido cheo de mensaxes positivas”, destaca o profesorado responsable da iniciativa.

‘Unha viaxe inesperada’, ‘Acompáñame na viaxe ao hospital’, ‘Os materiais da doutora Maeda’, ‘Hospiparty’, ‘A caixa máxica’ ou ‘O tríptico divertido’ son outros dos materiais didácticos elaborados polo alumnado da USC.

The contents of this page were updated on 10.06.2020.