Skip to main content

Das aulas da EPS de Enxeñaría á gran pantalla para facerlle fronte ao lume

Álvaro de Bazal, este venres ao remate das clases na EPS de Enxeñaría de Lugo
Álvaro de Bazal, este venres ao remate das clases na EPS de Enxeñaría de Lugo
O cervantego Álvaro de Bazal, que cursa o dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Forestal no Campus de Lugo, deu o salto ao cine da man de Óliver Laxe en ‘O que arde’
Lugo, Santiago de Compostela

O cervantego Álvaro Fernández López, a identidade real do brigadista de ‘O que arde’, Álvaro de Bazal, recibiu a chamada do cine nas aulas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, onde está a cursar o dobre título de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural. “Nunca traballara como brigadista nin nada parecido, pero un día da primavera do ano pasado chámame miña nai e dime que tal día teño que ir a Navia porque o equipo de Óliver Laxe anda na procura de mozos da comarca cervantega para participar na súa próxima película”, relata este estudante universitario.

“E tal e como me dixo miña nai, alá me fun. Fixen as probas coas indicacións que me dixo Óliver Laxe e, de seguida, me dixo que contaban conmigo”, relata este actor novel, ao tempo que recoñece sentirse moi satisfeito coa experiencia vivida ao longo da primavera e do verán de 2018 durante a rodaxe das diversas escenas”. Eu non tiña ningunha experiencia apagando lumes, agás no caso da vaga de lumes que arrasou Cervantes en 2017, cando si axudei en labores de extinción, lembra.

Tranquilo, aínda que satisfeito co éxito que está a colleitar a última película de Óliver Laxe, Álvaro vive lonxe do foco mediático na súa rutina académica na EPS de Enxeñaría, pois “con todo este lío da película tiven que deixar algunha materia pendente”, recoñeceu. “Como experiencia estivo moi ben, pois ‘O que arde’ permitiume ver de preto como é o mundo do cine”, dice este actor novel, que, aos seus 21 anos, ten claro que o seu futuro inmediato pasa por rematar o dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Forestal para logo completar o máster en Agrónomos.

O do cine está moi ben como experiencia. Foi todo moi divertido, sobre todo no mes que estivemos en Ourense, porque faciamos vida de brigadistas, saímos a todos os lumes dos que tiñamos aviso e incluso nos achegabamos máis ás lapas que os propios brigadistas, porque o guión esixía que estiveramos moi preto das lapas, comenta.

Alén destas anécdotas e do bo recordo que garda do director de ‘O que arde’, Álvaro de Bazal, un apelido que tomou prestado da súa aldea, salienta que outro dos motivos polos que está contento é por ter compartido esta vivencia cinematográfica co seu amigo David de Poso, outro mozo cervantego co que tamén comparte foco en ‘O que Arde’.

Álvaro de Bazal e David de Poso, en segundo plano, nunha escena de 'O que arde'

The contents of this page were updated on 12.04.2019.