Skip to main content

O CETUR coordina un curso de formación en novas tecnoloxías para empresarios turísticos en tempos da COVID-19

A inscrición, de balde ata un límite de 100 prazas, pódese realizar enviando un correo electrónico a cetur@usc.es. FOTO: Santi Alvite
A inscrición, de balde ata un límite de 100 prazas, pódese realizar enviando un correo electrónico a cetur@usc.es. FOTO: Santi Alvite
O curso desenvolverase durante cinco semanas, en horario de tarde, os xoves 22 e 29 de outubro, e 5, 12 e 19 de novembro de 2020
Santiago de Compostela

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da USC é o encargado de coordinar cientificamente un curso de formación sobre turismo e novas tecnoloxías, organizado por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación Provincial da Coruña, e que terá lugar do 22 de outubro ao 19 de novembro de 2020. O curso, que será impartido en liña, nace como resposta ás demandas de actualización do sector turístico en novas tecnoloxías, “nun momento no que a presenza en internet é crucial”, apuntan dende a organización. A formación, que terá un carácter moi práctico, enfócase a hoteleiros, hostaleiros, guías turísticos, pequenos e medianos touroperadores, empresas de receptivos ou empresas de organización de congresos e eventos, entre outros.

As destrezas nas que afondará esta iniciativa abranguen dende como crear unha páxina web e actualizala; que redes sociais son importantes para un negocio e como xestionalas; que é a identidade dixital e a marca; así como que é unha estratexia de comunicación; como realizar marketing dixital con éxito; aproveitar as posibilidades da xeolocalización; ou poñer en marcha centrais de reserva e pasarelas de pagamento en liña. Tamén se prestará atención ás novas tecnoloxías nas relacións e a comunicación interna das empresas, así como nas relacións coa administración.

O curso desenvolverase durante cinco semanas, en horario de tarde, os xoves 22 e 29 de outubro, e 5, 12 e 19 de novembro de 2020. Será impartido por profesores universitarios que compaxinan a súa actividade académica coa actividade na empresa privada.

O 22 de outubro, a sesión inicial correrá a cargo de Antonio Toré e Fernando Navarro, investigadores do Instituto de Intelixencia e Innovación Turística da Universidade de Málaga. O 29 de outubro e o 5 de novembro contarase coa presenza do profesor da USC José Ramón Porto. Finalmente, os días 12 e 19 de novembro a formación será impartida por Gersón Beltrán, profesor da Universitat Oberta de Catalunya e recoñecido consultor en novas tecnoloxías e turismo.

A inscrición, de balde ata un límite de 100 prazas, pódese realizar enviando un correo electrónico a cetur [at] usc.es (cetur[at]usc[dot]es), detallando nome completo así como empresa ou organización á que se pertence. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 20 de outubro de 2020.

The contents of this page were updated on 10.19.2020.