Skip to main content

A campaña de micromecenado ‘Sumo Valor’ logra captar preto de 100.000 euros en menos dun ano

Súmate á loita da USC contra o coronavirus. Foto: Santi Alvite
Súmate á loita da USC contra o coronavirus. Foto: Santi Alvite
Esta iniciativa da USC destinou xa 60.000 euros a proxectos de investigación contra a COVID-19 xa que a innovación “fortalece a capacidade de resiliencia” da sociedade

A USC puxo en marcha a principios de ano o programa de micromecenado ‘Sumo Valor’ co obxecto de implicar a empresas, persoas e institucións nas actividades, proxectos e servizos cos que a Universidade quere demostrar a súa permanente apertura á sociedade. Actualmente, a captación de fondos desta iniciativa ronda xa os 100.000 euros, dos cales 60.000 destínanse a proxectos de investigación contra a COVID-19. O vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, recoñece que a curto prazo son “imprescindibles” os aspectos sanitarios, pero a medio prazo son a investigación e a innovación “os elementos que permiten progresar e fortalecer as capacidades de resiliencia” da sociedade. “Neste aspecto –engade Feijoo Costa– a Universidade xoga un papel preponderante, xa que posúe os recursos humanos necesarios para ser o motor da sociedade do coñecemento”.

Proxectos financiados

As liñas de investigación sobre a COVID-19 versan sobre diversos aspectos, entre elas, o desenvolvemento de vacinas. Neste eido están a traballar os equipos de Javier Montenegro e José Martínez Costas do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e María José Alonso no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS).

A predición dinámica de escenarios de afectación do virus, no que traballa Jorge Mira dende a Agrupación Estratéxica en Materiais (AEMAT), é outro dos ámbitos de actuación de ‘Sumo Valor’. Ademais, a xeración de cartografías de risco nos espazos urbanos e rurais de Galicia, proxecto liderado polo profesor Ángel Miramontes no Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA); xunto á vixilancia e detección do SARS-COV-2 en augas residuais, no que se centran os equipos de Jesús Romalde e Juan Lema, a través da Agrupación interdisciplinaria no campo das Tecnoloxías Ambientais CRETUS, completan a listaxe de proxectos financiados.

Nutrida listaxe de doantes

Os 6.000 euros procedente do Grupo Compostela de Universidades integran unha nutrida listaxe de doantes entre os que se atopa a firma santiaguesa Urovesa, a Deputación da Coruña, o Concello de Ames, Alumni USC e o Parque Náutico de Castrelo de Miño en Ourense, son outras entidades que figuran entre os doadores. O Consello Social da USC presidido por Cecilia Sierra, apoia este programa de micromecenado e a súa difusión. “Cómpre facer todos os esforzos posibles para enlazar a nosa Universidade coa súa contorna, creando pontes firmes e dinámicas en todos os ámbitos; e, particularmente, facer visible socialmente a nosa investigación, que é punteira en diversas áreas do coñecemento. Este é un desafío que urxe, polo que estamos dispostos a afrontalo”, indicou Sierra.

The contents of this page were updated on 02.01.2021.