Skip to main content

USC e Xunta poñen en valor a madeira coa aposta por especies forestais de crecemento en Galicia e o seu uso na construción

De esquerda a dereita, Manuel Guaita, Montserrat Valcárcel, José Ignacio Lema e Óscar Andrés Quintela, na presentación do convenio entre Xera e Pemade, na EPS de Enxeñaría de Lugo
De esquerda a dereita, Manuel Guaita, Montserrat Valcárcel, José Ignacio Lema e Óscar Andrés Quintela, na presentación do convenio entre Xera e Pemade, na EPS de Enxeñaría de Lugo
A vicerreitora Montserrat Valcárcel sinala que o obxecto do convenio no que traballan Pemade e Xera vai en consonancia coas liñas estratéxicas do Campus Terra da USC
Lugo

A Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (Pemade) do Campus de Lugo da USC e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, están a colaborar no desenvolvemento de diversas liñas de traballo orientadas á posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e á promoción do uso de madeira na construción. O director de Pemade, o catedrático da USC Manuel Guaita; o presidente de Xera, José Ignacio Lema, e Óscar Andrés Quintela, de Arrokabe Arquitectos, deron conta este luns na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC dos obxectivos do acordo xa asinado entre ambas administracións, así como das actuacións previstas, no marco dunha sesión na que tamén participou a Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto.

A posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia ten como obxectivo dar valor estrutural a un maior número de especies galegas, entre as cales destacan as frondosas autóctonas: o castiñeiro (Castanea sativa) e o carballo (Quercus robur), ademais de fomentar así a biodiversidade, tanto na xestión forestal como na obtención de produtos estruturais. Para isto seguiranse liñas de traballo dirixidas á caracterización e estudo de posibles aplicacións de produtos en madeira para a construción, coas distintas especies forestais.

O desenvolvemento destas tarefas de carácter técnico permitirán afondar no coñecemento das propiedades mecánicas de ditas especies forestais e no seu aproveitamento como materia prima para a fabricación de produtos empregados nunha construción eficiente que contribúa á mitigación do cambio climático.

A promoción da madeira na construción, sinalou o director de Pemade, ten como obxectivo o impulso do produto local e a transferencia de coñecemento da investigación realizada a través de actividades de formación e xornadas divulgativas. Con este fin poñeranse á disposición de fabricantes e prescritores as ferramentas necesarias para a elaboración de produtos de madeira de calidade, a súa posta no mercado e posterior instalación nunhas condicións de calidade e seguridade.

O convenio asinado entre Xera e a USC, a través de Pemade, pretende contribuír ao fomento da construción con madeira, xa que se trata dun elemento que consume menos enerxía que a maioría dos demais materiais de construción, o que outorga aos produtos de madeira unha pegada de carbono significativamente menor, ao tempo que impulsa así un modelo de economía circular: economía eficiente no uso de recursos e baixa en carbono.

As premisas que persigue o acordo promovido por Xera e Pemade vai na mesma dirección que as liñas estratéxicas do Campus Terra da USC, un proxecto de especialización para a sede universitaria luguesa promovido pola Xunta de Galicia que atopa o desenvolvemento sustentable como un dos seus piares, salientou a vicerreitora Montserrat Valcárcel.

Unha vez rematada a quenda de intervencións, o director de Pemade fixo unha visita guiada polas instalacións do laboratorio da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, durante a que se informou ao numeroso público presente das liñas de investigación que de desenvolve e nas que traballa este laboratorio universitario.

The contents of this page were updated on 12.04.2019.