Skip to main content

A pandemia, eixo central das VI Xornadas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global

Por primeira vez, a celebración da xornada desenvolverase en formato virtual. FOTO: Santi Alvite
Por primeira vez, a celebración da xornada desenvolverase en formato virtual. FOTO: Santi Alvite
Catro sesións webminar que se desenvolverán os días 19, 20, 26 e 27 de novembro centran esta edición cuxo prazo de inscrición permanece aberto
Santiago de Compostela

Xerar espazos de diálogo e reflexión sobre as consecuencias e oportunidades da pandemia no ámbito da educación é unha das metas das Xornadas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global que este ano chegan xa á súa sexta edición. Integradas por catro sesións webminar que se desenvolverán os días 19, 20, 26 e 27 de novembro, esta iniciativa achegará  experiencias e prácticas comprometidas coa construción dunha cidadanía activa, crítica e solidaria; e dará a coñecer entre alumnado e docentes, o traballo das entidades sociais galegas. Por primeira vez, a celebración da xornada desenvolverase en formato virtual, podendo formalizarse a inscrición a través desta ligazón.  

A primeira das sesións indagará sobre as consecuencias da situación de emerxencia sanitaria nos sistemas educativos, no relativo a cambios, aprendizaxes e fendas. As seguintes sesións achegaranse a retos específicos que, aínda sendo previos á pandemia, móstranse perentorios no ámbito da educación. Este é o caso das capacidades afectivo-emocionais,  a equidade, o respecto pola sustentabilidade e a xustiza social.

Estas sesións son froito da colaboración entre o Grupo de Investigación Terceira Xeración da USC (TeXe), a Campaña Mundial pola Educación e Solidariedade Internacional de Galicia. “A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible no seu ODS 4 relacionado coa educación, expón na súa Meta 7 a necesidade de construír unha cidadanía global comprometida co desenvolvemento sustentable, a defensa dos dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción da cultura de paz e non violencia, a cidadanía mundial e a diversidade cultural”, apuntan dende a organización. “Nesta construción, a formación inicial das educadoras e dos educadores do mañá é fundamental na procura dunha sociedade máis participativa, equitativa e solidaria”, conclúen.

Cartel das sesións
Cartel das sesións
The contents of this page were updated on 11.18.2020.