Skip to main content

A EPS de Enxeñaría optimiza a fertilización de viñedos cunha aplicación creada no marco do proxecto Ferviña

Imaxe dun viñedo
Imaxe dun viñedo
A ferramenta informática desenvolvida por Javier J. Cancela e Xesús Pablo González, dos grupos Proepla e AMGeo do Campus de Lugo da USC, indica pautas de fertilización a partir de resultados obtidos de análises previas de solos, follas e mostos
Lugo

Os investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC Javier J. Cancela e Xesús Pablo González, adscritos aos grupos Proxectos e Planificación (Proepla) e Algoritmos e Modelización Forestal (AMGeo), veñen de desenvolver unha aplicación informática acaída para optimizar os procesos de fertilización de viñedos no marco do proxecto cooperativo Ferviña.

Esta nova ferramenta informática, que xa está accesible na web, ofrece aos produtores cumprida información para optimizar os procesos de fertilización de viñedos e incluso para adaptar as súas producións a partir dos resultados obtidos de análises previas de mostras de solos, follas e mostos, segundo indicaron Cancela e González, que salientaron o interese deste novo recurso para avanzar cara a un sistema integrado de fertilización sostible no sector agrario vitícola galego.

O proxecto Ferviña, constituído tamén como un grupo operativo autonómico no que participaron xunto cos investigadores da USC a Cooperativa Viña Costeira e a Adega ‘Paco & Lola’, ademais da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), a Estación Vitivinícola Galega (Evega) e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), naceu co obxectivo de impulsar o desenvolvemento dun sistema integrado de fertilización sostible no sector agrario vitícola galego. Daquela, esta nova aplicación, unida a outras estratexias permitirán establecer niveis de referencia para o diagnóstico nutricional, e conseguir así unha redución do impacto económico e ambiental.

O proxecto Ferviña contou con financiamento das axudas achegadas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), con achegas financeiras do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

 

The contents of this page were updated on 11.25.2020.