O LaboraTE organiza un foro sobre planificación territorial da Infraestrutura Verde para adaptarse ao cambio climático

O Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC organiza un foro participativo sobre a infraestrutura verde e a adaptación da ordenación do territorio ao cambio climático. Esta iniciativa nace ao abeiro do programa Inverclima, un proxecto de I+D impulsado pola USC co apoio Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade, a través do que se pretende mellorar a planificación territorial da infraestrutura verde para contribuír á mitigación e á adaptación ao cambio climático.
As xornadas promovidas desde o LaboraTE desenvolveranse en liña do 26 ao 28 de xaneiro e as persoas interesadas en participar neste foro poden xa formalizar a súa inscrición de balde nesta ligazón. Tamén se pode solicitar máis información a través do enderezo de correo electrónico laborate [at] usc.es (laborate[at]usc[dot]es).
A Infraestrutura Verde está definida pola Unión Europea como unha rede de áreas naturais ou seminaturais, ademais doutros elementos ambientais, que está planificada de forma estratéxica e presenta un deseño e unha xestión apropiada para a prestación dunha ampla gama de servizos ecosistémicos. A conservación desta rede de ecosistemas sans antóllase imprescindible na loita contra o cambio climático, dado que favorece o secuestro e o almacenamento de dióxido de carbono, a regulación da temperatura, o subministro de enerxías renovables, a canalización dos movementos das especies animais, o control de danos por riscos extremos e, entre outras, a redución do grao de vulnerabilidade fronte a incendios forestais, pragas, erosión ou enfermidades.
No contexto deste proxecto, o LaboraTE da USC pretende avanzar na progresiva incorporación da opinión pública na futura planificación da Infraestrutura Verde. Para este cometido, os actores deste proxecto de investigación están a desenvolver un proceso de participación pública que comeza coa celebración destas xornadas en liña e que nos vindeiros meses tamén incluirá obradoiros presenciais e virtuais. Estas sesións buscan precisar a identificación dos servizos ecosistémicos máis valorados pola sociedade, ademais de analizar a capacidade dos territorios para proporcionar estas vantaxes, identificar os efectos do cambio climático e tamén espazos que deben formar parte da Infraestrutura Verde.
