Skip to main content

O Consello de Goberno aproba un novo Regulamento de Xestión Orzamentaria para a USC

O Regulamento de Xestión Orzamentaria que comprende un total de dez capítulos, eríxese nunha norma  actualizada para a xestión  económica e orzamentaria. FOTO: Santi Alvite
O Regulamento de Xestión Orzamentaria que comprende un total de dez capítulos, eríxese nunha norma actualizada para a xestión económica e orzamentaria. FOTO: Santi Alvite
A reunión celebrada este martes deu tamén luz verde á creación do Instituto de Materiais así como á do Observatorio para a Empregabilidade
Lugo, Santiago de Compostela

Dotar a USC dun marco normativo interno que actualice e forneza dunha maior estabilidade o seu réxime orzamentario é a finalidade do regulamento que o Consello de Goberno aprobou este martes, na que foi a súa derradeira reunión do ano 2020. O novo regulamento contribúe ao rigor na xestión económica e orzamentaria, aclara e simplifica aspectos desa xestión e ademais acompañarase co desenvolvemento dunha ferramenta informática que permita a axilidade e un salto cualitativo na xestión económica e orzamentaria. Este texto ve a luz como resposta á necesidade de adaptar a normativa orzamentaria da Universidade, cuxo texto de base foi aprobado en 1988, “nun contexto ben diferente do actual”, tal e como constata o documento que acaba de aprobarse.

O Regulamento de Xestión Orzamentaria que comprende un total de dez capítulos, eríxese nunha norma  actualizada para a xestión  económica e orzamentaria,  alén de constituír “un  paso fundamental  na  modernización  da  xestión  universitaria,  que  debe  ter  continuidade  co emprego  de  medios  técnicos  seguros  e  eficientes  e  coa  capacitación  e  formación continuada do persoal destas áreas”. Nesta liña, o documento contempla o abano de competencias económico-financeiras, distribuídas entre os distintos órganos colexiados e unipersoais que integran a estrutura universitaria; establécese a obriga de aprobar para cada exercicio un límite ou teito de gasto non financeiro; e regúlanse  os  créditos orzamentarios e as súas modificacións. O texto dota ás unidades de  gasto  dunha maior  claridade,  estabilidade  e certeza en aspectos esenciais da súa regulación; e aborda os anticipos de caixa, o control da xestión orzamentaria  tanto  na  función  fiscalizadora  como  na  parte  do  control  financeiro;  así como o peche de exercicio e rendición de contas. Finalmente, o documento aborda os medios tecnolóxicos empregados na xestión económica e na contabilización, as tarifas e as operacións non orzamentarias.  

iMATUS e CITMAga

O derradeiro Consello de Goberno do ano tamén serviu para aprobar a creación do Instituto de Materiais da USC (iMATUS) que aspira a converterse nun centro de investigación de referencia internacional no campo dos materiais con impacto científico e socioeconómico sobre a industria, o medioambiente e a saúde. A misión do Instituto é realizar ciencia de excelencia multidisciplinar na área dos materiais aplicados á saúde, á industria, ás tecnoloxías emerxentes, así como ao medioambiente e á enerxía, apoiándose no ecosistema de I+D+i de Galicia para transferir resultados ao tecido económico. A creación do iMATUS empezou a xestarse coa unión de once grupos de investigación da USC que promoveron a creación da Agrupación Estratéxica de Materiais (AeMAT), a finais de 2018.

Pola súa parte, outro dos puntos aprobados foi o acordo de inicio do procedemento para a creación do Centro de Investigación e Tecnoloxía en Matemática de Galicia (CITMAga), a proposta das tres universidades galegas que aspiran a compartir visión e estratexia para aproveitar a capacidade e reputación actuais das matemáticas galegas, creando unha entidade de I+D sostible, con relevante impacto académico, social e económico

Observatorio de Empregabilidade

Na reunión tamén se tratou a creación do Observatorio de Empregabilidade da USC que ao longo de 2021 establecerá un cadro de mando de utilidade para a análise institucional da evolución anual do mercado de traballo galego, español e europeo. Asemade, este órgano disporá de información detallada dos estudos de inserción laboral de egresados do SUG e da USC realizados pola ACSUG; así como de información sobre as prácticas en empresas realizadas na Universidade e  da  relación  xeral  da  Universidade  co  tecido  empresarial. Finalmente, o Observatorio proporá melloras  nos  procedementos  e  ferramentas  de  xestión  dos  convenios  entre  a  USC  e as empresas e institucións, así como nos de xestión de prácticas.

Titulacións e Cátedra Straumann

A reunión abordou tamén a modificación non substancial da memoria do Máster Universitario en Investigación Química e Química Industrial, así como dos dobres graos en Enxeñaría Informática e Matemáticas; e en Mestre en Educación Infantil e en Educación Primaria.

O nacemento dunha nova cátedra institucional centrada na investigación clínica en rehabilitación, rexeneración e mucointegración foi outra das cuestións aprobadas este martes. A Cátedra Straumann permitirá que os estudantes accedan a técnicas e biomateriais para a reconstrución dos tecidos duros e brandos periimprantarios, así como á avaliación da etioloxía e progresión das enfermidades deste eido e á análise dos pertinentes procedementos preventivos e terapéuticos.

O Consello tamén deu luz verde á modificación do Regulamento de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster da USC.

PDI

Finalmente, en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI), aprobouse a oferta de prazas da convocatoria do Programa Ramón y Cajal 2020 e os seus criterios de adscrición; a actualización da planificación de PDI do ano 2020; a modificación da RPT derivada da devandita actualización; a reposición de prazas de PDI vacantes; o cambio de adscrición de área de coñecemento de profesorado con vinculación permanente; e a prórroga dos contratos de profesorado asociado de ciencias da saúde aos que o SERGAS lle autorice a permanencia no servizo activo; entre outros asuntos.

The contents of this page were updated on 12.29.2020.