Investigadores da USC identifican catro rexións onomásticas en Asturias

A análise da distribución dos apelidos na comunidade asturiana permitiulle a un equipo de investigadores da USC inferir catro rexións onomásticas de configuración similar ás áreas dialectais tradicionalmente recoñecidas no dominio asturiano. A información sobre os apelidos desta comunidade, tomada do rexistro de habitantes, empregouse para identificar rexións de apelidos e comprobar as correlacións coas áreas dialectais descritas neste espazo.
“Os resultados obtidos na investigación amosaron moitas similitudes na distribución das rexións de apelidos con áreas dialectais recoñecidas polos estudos de dialectoloxía tradicional”, explica o profesor Xulio Sousa, quen asina o artigo publicado en Journal of Linguistic Geography xunto coa investigadora María José Ginzo Villamayor. “Os estudos sobre as correlacións entre a distribución espacial das variedades lingüísticas e a estrutura xenética das poboacións comezaron tratando espazos xeográficos e familias lingüísticas extensas”, apuntan os autores. Nas dúas últimas décadas, os investigadores deste enfoque interdisciplinario tamén comezaron a estudar dominios lingüísticos e poboacionais máis reducidos. O artigo examina información xeolingüística e onomástica nun espazo lingüístico e administrativo dunha extensión limitada, o Principado de Asturias.
O estudo da isonimia e a identificación das rexións de apelidos de Asturias subministraron luz verbo de certos trazos relevantes para a análise da variación xeolingüística do romance asturiano e a organización da poboación deste territorio. En primeiro lugar, os principais grupos de apelidos organízanse en áreas separadas por límites que seguen unha liña vertical de norte a sur. Estes límites mostran evidentes similitudes coas isoglosas fonéticas que se utilizaron para delimitar as principais variedades do asturiano. A división do territorio en catro grupos de apelidos tamén fai evidente que existen moitas coincidencias coas catro variedades lingüísticas recoñecidas do asturiano e coa distribución dos grupos tribais da antigüidade identificados en estudos anteriores.
Áreas lingüísticas menores
Os resultados obtidos nesta análise comparativa confirman a utilidade dos datos onomásticos na investigación das orixes e causas históricas da distribución espacial das variedades lingüísticas. Este tipo de investigación, que ata o de agora se centrou na análise de dominios lingüísticos extensos, tamén debería aplicarse ao estudo de áreas lingüísticas menores, tal e como reivindican os investigadores, alén de defender que os estudos xeolingüísticos e dialectais veranse enriquecidos polas achegas interdisciplinarias da lingüística con outras disciplinas. “Todos eles contribuirán a ampliar o noso coñecemento sobre as sociedades e a súa relación coas linguaxes e o espazo”, explican. Os nomes propios revélanse, neste senso, como unha importante fonte de información para estudar idiomas, tanto agora como no pasado.
As características fonéticas, morfolóxicas e léxicas dos nomes de lugares e nomes propios utilizáronse durante moito tempo para rastrexar a historia e a evolución das variables lingüísticas. Nesta liña, a dialectoloxía utiliza información onomástica como evidencia da distribución no pasado dos trazos lingüísticos. “Con este traballo pretendemos contribuír a demostrar o valor dos datos onomásticos como evidencia da estrutura das poboacións modernas e antigas e, por tanto, como complemento para comprender mellor a forma en que se organiza a diversidade lingüística no espazo”, apuntan. Este estudo é unha mostra dos resultados que se poden extraer deste campo de investigación interdisciplinario.