Redacción científica, falar en público e facer presentacións dixitais eficientes, eixos do ‘Curso de habilidades comunicativas’

A USC impulsa unha nova edición do seu ‘Curso de habilidades comunicativas’, actividade formativa dividida en tres módulos que poden cursarse de xeito independente e que se centran na redacción científica, como falar en público e como realizar presentacións dixitais eficientes. O curso, impartido por medio de teledocencia na plataforma coroporativa Teams , terá lugar ao longo deste segundo cuadrimestre e está aberto a estudantes de calquera dos dous campus.
A redacción científica
O obxectivo deste módulo é mellorar a competencia escrita. “Diríxese sobre todo ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico: artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de máster, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento”, explican dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC. A matrícula neste primeiro módulo manterase aberta ata o 15 de febreiro.
Falar en público
Ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, os alumnos e alumnas tamén deben ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunicación oral. “Entendemos que na actualidade o mercado laboral esixe un alto dominio das capacidades de comunicación, e que estas son un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral”, apuntan dende o SNL. A matrícula neste segundo móduloestará aberta do 1 ao 15 de marzo.
Presentacións dixitais eficientes
“As presentacións son cada vez unha ferramenta máis común na vida do alumnado universitario, pero por desgraza é frecuente ver pantallas que, nacidas para o apoio ao discurso oral, son atrancos para a transmisión do coñecemento”, explican dende o SNL. A través deste terceiro módulo, cuxa matrícula estará aberta do 1 ao 15 de abril, preténdese que, nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: transmitir mellor o coñecemento científico.
Cada un dos módulos consta de 25 horas e será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións.