Skip to main content

Reitores, CIUG e Xunta suman esforzos para lograr unha ABAU segura

A reunión serviu para coñecer de primeira man o borrador de protocolo de seguridade da ABAU que deseña a CIUG. FOTO: Santi Alvite
A reunión serviu para coñecer de primeira man o borrador de protocolo de seguridade da ABAU que deseña a CIUG. FOTO: Santi Alvite
A Comisión traballa no borrador que recolle as normas de prevención sanitaria que rexerán nas probas de acceso á Universidade, e que seguirán a liña marcada xa o pasado ano
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor da USC, Antonio López, reuniuse este mércores, de modo telemático, co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, así como cos reitores das outras dúas universidades galegas e os representantes da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG). No encontro, abordouse a planificación das medidas de seguridade das probas da ABAU, que en Galicia está previsto que teñan lugar en convocatoria ordinaria os vindeiros 8, 9 e 10 de xuño.

A reunión serviu para coñecer de primeira man o borrador de protocolo de seguridade da ABAU que deseña a CIUG, así como para facer as achegas oportunas ao documento final no que se recollerán as normas que rexerán para garantir a total seguridade das probas de acceso á universidade, e que seguen as liñas que xa foran establecidas o pasado ano.

Tanto os reitores como o conselleiro e os representantes da CIUG coincidiron en sinalar que é necesario implementar todas as medidas para garantir ao máximo a seguridade sanitaria do conxunto das persoas que interveñen no proceso. Todos eles puxeron en valor a experiencia previa do ano pasado, que se desenvolveu con absoluta normalidade, pese á falta de experiencia previa sobre un contexto de pandemia coma o que estamos a vivir. Para iso é clave contar cunha planificación e unha estratexia clara deseñada con suficiente antelación, como é a que se está perfilando nestes momentos.

O encontro desenvolveuse de modo telemático
O encontro desenvolveuse de modo telemático
The contents of this page were updated on 02.04.2021.