Veterinaria suma apoios para mellorar a calidade da docencia, a capacitación e a inserción laboral dos seus titulados

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC suma o apoio das administracións, así como dos colexios profesionais e do sector produtivo para avanzar cara a optimización da calidade da docencia, así como na mellora e ampliación das competencias do seu alumnado, e na inserción laboral dos futuros egresados, segundo indicou o decano do centro universitario. O profesor Gonzalo Fernández Rodríguez realizou estas declaracións logo da primeira xuntanza do comité asesor externo da Facultade de Veterinaria, un órgano representativo da profesión integrado por expertos, representantes das administracións autonómica e nacional, colectivos e asociacións profesionais, ademais de destacados investigadores.
A realización dun diagnóstico actualizado da situación da profesión e da actividade veterinaria propiamente dita centrou o primeiro cometido dos integrantes desta comisión asesora, que puxo de manifesto a crecente desconexión da sociedade co medio rural. Esta realidade, salientaron os expertos, incide directamente aos ámbitos do exercicio da profesión veterinaria que lles agarda aos futuros titulados.
Con este horizonte á vista, e nun marco global que xa anticipa unha crecente demanda de alimentos no mundo, o comité de expertos apunta cara a produción animal como un dos ámbitos no que se advertirá un maior déficit de veterinarios. Asemade, engadiron os asesores, os constantes cambios normativos esixen novas competencias dos profesionais veterinarios, a fin de poder dar respostas ás necesidades ou intereses da sociedade, tanto aqueles relacionados cos sectores tradicionais e a gandería, como no que atinxe a cuestións de saúde pública, medio ambiente, pesca ou mesmo desde as administracións.
As achegas realizadas polo membros do comité externo de asesores constitúen un sopro de aire fresco para a Facultade de Veterinaria, recoñeceu Gonzalo Fernández, ao tempo que reiterou o compromiso do centro que dirixe para estreitar a súas conexións co mundo real e para mellorar, a través da formación, a capacitación e o nivel de competencias dos futuros titulados en Veterinaria.
O alumnado debe formarse cada vez máis para dar resposta aos novos retos: cambio climático, enfermidades emerxentes ou conservación da biodiversidade desde a perspectiva do concepto One Helath, no que a saúde humana, animal e do medioamente está estreitamente relacionada e presenta dependencias, indica Fernández, quen tamén defende a necesidade de potenciar no futuro as vocacións de profesionais e investigadores interesados en traballar nestes ámbitos.
Outro dos aspectos nos que a Facultade de Veterinaria tamén pode optimizar a calidade das ensinanzas é o tecnolóxico. De feito, as recomendacións dos expertos apuntan a conveniencia de que mellorar as destrezas do estudantado en cuestións relacionadas coa dixitalización da información, modelos de predición ou intelixencia artificial. De feito, a tele medicina, a relación de animais e humanos, o benestar animal e a xestión empresarial son algúns dos campos nos que o exercicio da Veterinaria está chamado a ter unha maior importancia.
A satisfacción deste novo elenco de necesidades advertidas e o aproveitamento das oportunidades de emprego que deparará no futuro próximo o mercado laboral constitúen dos dous retos que debe afrontar a Facultade de Veterinaria da USC, un centro que mantén unha alta de demanda por parte de novo alumnado e presenta unha cifra elevada de egresados, pero que precisa da incorporación de talento novo para acelerar a renovación xeracional do seu cadro docente.
Calendario de traballo e actuacións
O comité de asesoramento externo da Facultade de Veterinaria da USC aprobou na súa reunión de constitución a celebración de xuntanzas con periodicidade semestral, a fin de avaliar e supervisar a evolución da situación e o grao de implementación das medidas acordadas. A estas sesións de traballo abertas á participación de todos os membros da comisión de expertos, poden sumarse outras xornadas de traballo co equipo decanal e orientadas a planificar actuacións concretas.
No eido da formación, os expertos convidados a formar parte deste comité tamén avanzaron a súa disposición a organizar e impartir seminarios tanto para alumnado como para docentes sobre aquelas temáticas que se consideren de especial interese e que poidan reverter en melloras da calidade da docencia no grao de Veterinaria.
Composición da comisión asesora
A comisión asesora externa da Facultade de Veterinaria conta entre os seus membros con representantes do Consello Galego de Colexios Veterinarios, da Confederación Empresarial Veterinaria Española (CEVE) e das asociacións nacionais de veterinarios especialistas en pequenos animais (Avepa), Medicina Bovina (Anembe), da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor) e da asociación de veterinarios especialistas en équidos (AVEE).
A Administración autonómica galega tamén participa neste órgano consultivo a través de representantes das direccións xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da de Saúde Pública. Cooperativas Ourensanas S.C.G (Coren) dá visibilidade ao tecido empresarial nun foro en cuxos debates e sesións tamén participará o profesor Javier Guitián, veterinario titulado no Campus de Lugo e que na actualidade desenvolve o seu cometido como docente no Veterinary Public Health Royal Veterinary College da University of London; a ex presidenta da EAEVE e profesora da USC na Facultade de Veterinaria, Ana Bravo del Moral, e o catedrático da USC e coordinador da Agrupación Estratéxica de Investigación, Xestión e Produción Sostible de Biorrecursos (BioReDes), Paulino Martínez.