Skip to main content

O proxecto Yucunet nace para crear unha rede educativa de Arte Contemporánea na rexión Iucatán-Cuba

Imaxe de arquivo dunha exposición. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha exposición. FOTO: Santi Alvite
A USC lidera un consorcio internacional no que toman parte doce institucións de Portugal, México e Cuba
Santiago de Compostela

O proxecto Yucunet botou a andar este xoves coa intención de ofrecer ferramentas para a creación dunha rede educativa e de investigación e traballo en Arte Contemporánea na rexión Iucatán-Cuba. En liña e moderada polo profesor da USC Federico López Silvestre, coordinador do proxecto, a reunión de lanzamento desta iniciativa serviu para presentar aos integrantes dun consorcio internacional integrado por doce institucións de Portugal, México e Cuba. O reitor Antonio López tomou parte na xornada de benvida deste proxecto que conta cun orzamento de case 900.000 euros.

O proxecto aspira a contribuír á conformación de dúas titulacións específicas e paralelas en Mérida e A Habana, ou, idealmente, unha Dobre Titulación Internacional, sobre Xestión da arte e as Culturas Contemporáneas que se impartirá en México e Cuba mediante e- teaching e  e-learning. “Trátase de poñer en marcha un proceso de traballo entre universidades americanas e europeas que, co apoio de profesionais independentes e de recoñecido prestixio, saque aos alumnos de arte das aulas universitarias para poñelos a colaborar con expertos no ámbito dos museos, xestión cultural e comunidades e grupos da sociedade civil”, explican os responsables do proxecto.

Construción multilateral

Como punto de partida para o desenvolvemento curricular, os investigadores baséanse no concepto de "construción multilateral”. “Será en base á mesma que se deseñarán en conxunto dous plans de estudos superiores de arte especializados, un para a Universidade UADY de Mérida, e outro para a Universidade ISA da Habana, coa intención de que poidan ser fusionados nun marco común”, explican.

Os proxectos ‘Capacity Building in Higher Education’ do programa H2020 da UE, entre os cales se sitúa Yucunet, son proxectos de cooperación transnacionais que teñen como obxectivo desenvolver, transferir e implementar prácticas innovadoras no ensino, a investigación, a modernización institucional e a sociedade en xeral.

A reunión de arranque do proxecto celebrouse en liña
A reunión de arranque do proxecto celebrouse en liña
The contents of this page were updated on 02.26.2021.