Elas son USC

Dicir Wonenburger é o mesmo que pronunciar a palabra precursora. Wonenburger é sinónimo de atreverse, ser quen de ir máis alá, xa que ese é o trazo que mellor define a traxectoria da pioneira galega María Josefa Wonenburger Planells (1927-2014). Esta referente no ámbito da álxebra, doutora pola Universidade de Yale e que fixo carreira docente en distintas universidades dos Estados Unidos, dá nome dende o ano 2007, ao galardón co que o goberno autonómico recoñece as traxectorias de mulleres científicas que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras.
Este premio é o nexo que vincula a seis mulleres, profesoras e investigadoras singulares da USC. Nomes como o de María José Alonso Fernández, Alicia Estévez Toranzo, Mabel Loza García, Peregrina Quintela Estévez, María Inmaculada Paz Andrade ou Ofelia Rey Castelao integran a listaxe de mulleres que xa foron merecedoras deste recoñecemento por dedicar a súa vida profesional a algún campo específico da ciencia ou da tecnoloxía. Dende os inicios das súas respectivas carreiras ata este 8 de marzo de 2021, Día Internacional das Mulleres, a presenza feminina mudou de xeito sensible no seo da universidade grazas ao esforzo de toda a comunidade universitaria.
“A visibilidade da muller en cargos de xestión é alta”, apunta a profesora Alonso Fernández á hora de realizar unha valoración da situación actual da muller na Universidade. “Tendo en conta a situación que había en 1974, que é cando entrei como alumna, a miña valoración é totalmente positiva. As mulleres hoxe son maioritarias entre o alumnado”, engade a catedrática Ofelia Rey Castelao. O “pleno recoñecemento legal e moito recoñecemento social acadado, con excepcións máis anecdóticas que reais” é o aspecto destacado pola profesora Mabel Loza. Con todo, aínda queda camiño por percorrer, tal e como manifesta a catedrática Alicia Estévez Toranzo, “aínda hai a percepción social de que o éxito está asociado a causas diferentes en mulleres e homes, é dicir, ás mulleres o éxito atribúeselle máis ao esforzo que ás súas propias capacidades, mentres que no home este éxito atribúeselle á súa competencia persoal e aos méritos propios”.
Segundo datos extraídos do Diagnóstico de igualdade na USC, a presenza de mulleres entre o persoal docente e investigador pasou do 38,61% en 2010, ao 42,18% en 2020. Con todo, persiste a segregación vertical cun 27,97% de catedráticas, tal e como establece o Diagnóstico. Nas cifras de investigadoras principais dos distintos proxectos financiados por fondos públicos a través de distintas convocatorias, obsérvase un importante aumento na presenza de mulleres, xa que estas acadan nunha década unha importante subida, pasando do 22,77% no 2010 a alcanzar unha situación case paritaria cun 40,31% no 2020.
Horizonte igualitario
Promover a paridade en órganos de goberno e xestión é, a xuízo da profesora María José Alonso, unha peza chave para avanzar cara a un horizonte plenamente igualitario. “Fomentar máis o papel e visibilidade da muller na transferencia e o emprendemento, así como promover o mentoring de licenciadas e graduadas” son algunhas das posibles medidas nas que a catedrática da USC pon o foco. “Segue primando demasiado o liderado por parte dos homes nos grupos de investigación; tamén a nivel de transferencia de tecnoloxía e emprendemento, débese incentivar a presenza da muller, a día de hoxe pouco notable”, explica.
“Para aumentar a presenza de mulleres ao longo da carreira científica así como en cargos de responsabilidade será necesario establecer un marco lexislativo adecuado que permita eliminar barreiras e implementar accións positivas”, apunta a catedrática Alicia Estévez Toranzo. “Favorecer accións positivas e non declaracións retóricas que pechen definitivamente calquera fenda na igualdade entre homes e mulleres” é clave, tal e como afirma Ofelia Rey Castelao. Para a catedrática Mabel Loza, “darlle visibilidade ao bo do traballo en igualdade no día a día” contribúe a acadar ese horizonte plenamente igualitario no que resulta fundamental “estar permanentemente detectando necesidades, queixas ou novidades” neste eido.