Skip to main content

Aberta a inscrición no Obradoiro de apoderamento lingüístico

Cartel da iniciativa
Cartel da iniciativa
O taller desenvolverase de xeito non presencial síncrona a través de videoconferencia os martes 13 e 20 de abril de 18.30 a 20.30 horas, e os venres 16 e 23 do mesmo mes de 10.00 a 13.00 horas
Santiago de Compostela

A Comisión de Noramalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC organiza o Obradoiro de apoderamento lingüístico, co que se quere promover a responsabilidade na normalización social do galego como parte do ámbito competencial da educación social. O taller desenvolverase de xeito non presencial síncrona a través de videoconferencia os martes 13 e 20 de abril de 18.30 a 20.30 horas, e os venres 16 e 23 do mesmo mes de 10.00 a 13.00 horas.

A participación nesta actividade formativa é de balde, aínda que ás 30 prazas con que está dotado o obradoiro terán acceso de xeito preferente os estudantes do Grao en Educación Social. De quedar prazas libres, poderán ocupalas estudantes doutras titulacións. Cómpre pre-inscribirse, ata o 7 de abril, a través da web do Servizo de Normalización Lingüística, que lle presta apoio técnico á iniciativa. A USC emitiralles a todas aquelas persoas inscritas que asistan, un diploma de asistencia da actividade, no cal figurarán as dez horas presenciais.

Espazo de reflexión

“A comprensión de cal é o contexto lingüístico actual en Galicia é a base imprescindible para que o alumnado de Educación Social reflexione sobre se a problemática lingüística galega debe ser parte do seu ámbito de actuación profesional”, explican dende a organización do Obradoiro. “Resultará imprescindible coñecer metodoloxías de intervención socio-lingüística e coñecer intervencións xa existentes, para poder deseñar prototipos de intervención dende a educación social que contribúan á normalización lingüística e á activación de falantes”, continúan. O taller combinará traballo persoal e grupal das persoas participantes coas exposicións da formadora Andrea Rico Adega, educadora social, pedagoga e experta en facilitación de grupos.

The contents of this page were updated on 03.09.2021.