A USC denuncia no 8M a feminización da pobreza por mor da pandemia

A pandemia por mor da COVID-19 fai patente “a feminización da pobreza, a maior exposición das mulleres debido ao rol de coidadoras, a maior vulnerabilidade en situacións de violencia de xénero e de abuso infantil, e os crecentes problemas relacionados coa conciliación e a corresponsabilidade”. Así o establece o Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU), ao que deu lectura este martes a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, no acto institucional que a USC celebrou para conmemorar o Día Internacional das Mulleres. “Aínda que esta situación está a ser dura para toda a sociedade, a crise, como é o habitual, está a afectar especialmente ás mulleres”, reivindica o documento que centrou a sesión presidida polo reitor Antonio López no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. O acto desenvolveuse un día despois do 8 de marzo para respectar as distintas manifestacións feministas que tiveron lugar ao longo do 8M.
O manifesto subliña “o papel fundamental das universidades en materia de igualdade, o seu potencial transformador para o futuro e a investigación como base das políticas públicas”. Neste senso, o acto tamén serviu para poñer en valor a achega das Unidades de Igualdade á crecente preocupación da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA) pola fenda de xénero e a implementación de medidas para a súa superación, así como a incorporación destas na Mesa de Xénero e Universidade, impulsada polo Ministerio de Universidades. “Aínda que todo iso en si non supoña un cambio de situación, si constata unha tendencia para abordar as clásicas problemáticas das mulleres nas universidades e, sobre todo, demostra que a actuación conxunta desta Rede para avanzar na igualdade obtén, efectivamente, resultados”, sinala o Manifesto. “Reivindicamos a importancia do traballo desenvolvido polas Unidades de Igualdade para avanzar na eliminación das desigualdades e esiximos que a perspectiva de xénero impregne todas as políticas universitarias”, conclúe.
No acto tamén tomaron parte a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; xunto coa concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade no Concello de Santiago, Mercedes Rosón. Susana López Abella subliñou a importancia da inclusión da perspectiva de xénero “para acabar cos que negan a violencia machista que nos esgota como sociedade”. Pola súa parte, Mercedes Rosón sinalou “somos imparables na busca da igualdade” para logo denunciar que a crise está agravando a fenda de xénero. Neste senso, a USC aproveitou a conmemoración do 8M para reivindicar as traxectorias das pioneiras científicas que saíron das súas aulas.
Estudos Audiovisuais
A sesión serviu asemade para recoñecer a traxectoria a prol da igualdade desenvolvida por parte do Grupo de Estudos Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación. A catedrática da USC Margarita Ledo Andión, coordinadora do grupo, quixo salientar que a igualdade pasa pola implicación de toda a comunidade universitaria no seu conxunto e denunciou que mentres existan homes que crean que “o xénero non é cousa deles”, a situación non vai mudar.
A misión e obxectivos do grupo de Estudos Audiovisuais son a análise dos procesos comunicacionais como construtores culturais e instrumentos capitais na conformación de sociedades. Ao abeiro de diferentes enfoques e con especial atención á construción da(s) identidade(s) e á preservación da diversidade cultural, artella propostas investigadoras interdisciplinarias cuxos resultados se dirixen á comunidade científica, aos responsables de políticas públicas, aos profesionais dos sectores implicados e á cidadanía en xeral. Estudos Audiovisuais organiza cada ano o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO, do que xa se teñen celebrado catro edicións.
O relatorio ‘Sexo, tabaco e baños turcos: Emilia Pardo Bazán e o dereito das mulleres ao pracer’, a cargo de Marilar Aleixandre, profesora ad honorem da USC, serviu de peche para a sesión.
