USC e Xunta avanzan na clarificación de competencias autonómicas e municipais na xestión dos centros educativos e na prestación dos servizos sociais
O grupo de traballo creado no marco da comisión de seguimento do convenio entre USC e Xunta de Galicia para a realización da auditoría sobre a delimitación de competencias entre o goberno autonómico e os concellos galegos, mantivo este mércores un novo encontro. A sesión serviu para abordar as competencias e o custo da xestión dos centros de ensino e a prestación de servizos sociais.
O acordo entre USC e Xunta recolle a necesidade de priorizar a clarificación das competencias relacionadas coa xestión da pandemia provocada pola COVID-19, como é o caso destes dous ámbitos. Na xuntaza, afondouse, entre outras cuestións, nos sobrecustes e a mobilización de maiores recursos no financiamento de servizos que están a ver incrementada a súa actividade debido á pandemia como, por exemplo, a limpeza e mantemento de centros de Educación Infantil, Primaria e de Educación Especial ou a prestación de servizos sociais directamente relacionados coa COVID-19 como a atención domiciliaria, a teleasistencia e atención a persoas sen fogar ou a protección dos maiores.
O grupo de traballo avaliará en próximos encontros as competencias noutros ámbitos con representantes de ambas entidades e expertos, co obxectivo de obter unha análise rigorosa en tódolos eidos que permita contar cunha delimitación clara das competencias autonómicas e municipais.