Skip to main content

Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Xohana Torres, protagonistas editoriais no 8M

O Día Internacional das Mulleres sérvelle ao Servizo de Publicacións e Intercambio Científico como marco para publicar catro obras que poñen en valor as traxectorias de tres personalidades senlleiras e adiantadas ao seu tempo
O Día Internacional das Mulleres sérvelle ao Servizo de Publicacións e Intercambio Científico como marco para publicar catro obras que poñen en valor as traxectorias de tres personalidades senlleiras e adiantadas ao seu tempo
O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico publica diferentes obras que poñen en valor as traxectorias destas tres mulleres adiantadas ao seu tempo
Santiago de Compostela

A correspondencia que a escritora Emilia Pardo Bazán enviou ao longo de máis de tres décadas a Benito Pérez Galdós, o estudo Xohana Torres: da viúva de vivo á muller navegante, así como a obra de Concepción Arenal O visitador do preso, xunto co catálogo da exposición A conciencia da razón, centrada na súa figura, son as novidades editoriais que a USC acaba de lanzar co gallo do 8M. O Día Internacional das Mulleres sérvelle ao Servizo de Publicacións e Intercambio Científico como marco para publicar catro obras que poñen en valor as traxectorias de tres personalidades senlleiras e adiantadas ao seu tempo.   

Crónica dun encontro

O epistolario de Pardo Bazán a Pérez Galdós que agora ve a luz incorpora 98 cartas manuscritas, que a condesa dirixiu durante trinta e dous anos ao novelista. Un conxunto de cartas que, ademais do seu evidente interese literario, dada a relevancia da remitente e o seu destinatario, suscitaron unha gran expectación no público lector en xeral, pola natureza amigable, amorosa e aínda íntima que as misivas manifestan. “Aínda que non pode darse o corpus por pechado, pois puidesen aparecer no futuro outras cartas, esta riqueza epistolar esixía xa unha publicación monográfica que, no seu conxunto, refire a crónica dun encontro, sentimental e intelectual, dobremente suxestivo”, apuntan dende o Servizo de Publicacións. A obra está precedida dun rigoroso estudo literario e crítico a cargo de Ermitas Penas e Marisa Sotelo.

Rompendo tópicos

A obra de Xohana Torres constitúe, a xuízo de Ana Garrido González, un macrotexto no que a autora “vai debullando e desestabilizando o tópico da muller galega como abnegada matriarca e nai, protectora da casa e dos fillos. Rexeita así a inmobilización das mulleres como esencia da nación”. Igual que sucedera coas viúvas de vivos entolecidas ou suicidas de Rosalía de Castro, as protagonistas de Torres experimentan unha viaxe introspectiva, unha aprendizaxe e unha toma de consciencia que calla en identidades desarraigadas e insubmisas ás que o contexto social e familiar lles apón o estigma de raras e aínda tolas, tal e como se deixa patente no estudo Xohana Torres: Da viúva de vivo á muller navegante. “Esas identidades cuestionan o discurso da nación herdado, identifícanse coa alteridade, coas rexeitadas, e rachan coa condena tácita á muller emigrante”, sinálase na obra. Seguindo esta xenealoxía, a Penélope navegante de Tempo de ría (1992) non é unha irrupción abrupta pois conta cun antecedente, a Maxa de Adiós María (1971), “unha novela que nin se ten valorado suficientemente no que ten de proxecto creativo innovador nin como reescritura cultural subversiva e feminista” apunta a autora.

Activista social e pensadora

Finalmente, a obra de Concepión Arenal, O visitador do preso, prologada e traducida por Gumersindo Guinarte Cabada e Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas, acaba de ser tamén editada pola USC en colaboración coa Fundación BBVA. Precisamente, entre os moitos actos previstos para celebrar o centésimo segundo aniversario do nacemento dunha das galegas máis ilustres, atópase a mostra Concepción Arenal, a conciencia da razón, celebrada entre o 24 de setembro e o 12 de decembro no Colexio de Fonseca, cuxo catálogo acaba de publicarse. A obra incorpora, ademais, un elenco de once traballos monográficos de persoas expertas sobre os máis variados aspectos da dimensión intelectual e vital da gran pensadora e activista social, ademais dunha exhaustiva bibliografía. É de destacar que unha boa parte do material expositivo son obras orixinais da pensadora que integran os fondos bibliográficos e documentais da USC, depositados na biblioteca que leva o seu nome.

The contents of this page were updated on 03.11.2021.