‘Cockles’, unha nova corrente de vida para o berberecho galego

O proxecto Cockles, un programa Interreg da Área Atlántica coordinado pola Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) da Xunta de Galicia no que participa o grupo de investigación Acuigen da USC xunto con máis dunha vintena de socios de España, Francia, Irlanda, Portugal e Reino Unido, ofrece novos recursos para a recuperación da produción deste molusco nas rías atlánticas galegas, así como para a posta en valor dun recurso que reporta importantes beneficios ecosistémicos e dunha actividade con gran repercusión socioeconómica no litoral galego.
A presentación dos resultados deste proxecto europeo que, cun orzamento de 3,6 millóns de euros, botou a andar en 2017 e está a piques de rematar, constitúe unha chamada ao optimismo respecto da reactivación das pesqueiras berberecho naquelas rexións atlánticas galegas, tal e como é o caso de Vilagarcía de Arousa, nas que a incidencia da ‘marteiliose’ erradicou a produción de berberecho e toda actividade pesqueira e económica asociada.
Os estudos xenéticos, o descubrimento do xenoma completo do berberecho, no que o grupo Acuigen tamén colaborou co equipo de investigación da USC coordinado por José Tubío, as novas ferramentas xenómicas desenvolvidas e a indentificación de máis de medio centenar de marcadores determinantes para coñecer que berberechos son resistentes á Marteilia e cales non, constitúen algunhas das pezas chave para a recuperación das pesqueiras de berberecho en Galicia, segundo indica o coordinador do grupo Acuigen, Paulino Martínez Portela, catedrático de Xenética da USC na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
O traballo desenvolvido ao longo dos últimos tres anos e medio polo consorcio europeo implicado no proxecto ‘Cockles’ permitiu poñer o foco no berberecho, un recurso mariño de máxima calidade, pero pouco apreciado fóra de Galicia, segundo indica Martínez Portela, quen precisou que “Galicia, ademais de ser un importante produtor, é tamén o principal importador dun molusco cuxo consumo non está xeneralizado fóra da comunidade”.
Alén deste efecto, o proxecto Cockles posibilitou a identificación de patóxenos que ameazan o berberecho e a posterior elaboración dun catálogo virtual que dá conta dos principais riscos detectados en cada localización produtora. A este traballo colectivo tamén cómpre sumar as análises xenéticas e xenómicas que permitiron identificar diferencias entre os stocks de berberecho do Atlántico Norte (os localizados ao norte da Bretaña francesa), os moluscos da rexión continental intermedia e os producidos ao sur de Lisboa, comentou Martínez Portela.
Unha vez rematado o labor de investigación e as diversas pescudas programadas ao abeiro do proxecto Cockles, o catedrático de Xenética da USC agarda que se poidan implementar nos vindeiros meses as novas ferramentas xa dispoñibles, a fin de poder dispoñer en breve de novos stocks de berberecho aptos e resistentes para a súa cría na costas atlánticas de Galicia.