Skip to main content

Os sistemas construtivos ETC do Life EcoTimberCell, entre os oito finalistas do concurso de Ecodiseño do Conama 2020

Estes elementos ou cellas permiten unha fixación de carbono a longo prazo co emprego de materiais sustentables, como é o caso da madeira.
Estes elementos ou cellas permiten unha fixación de carbono a longo prazo co emprego de materiais sustentables, como é o caso da madeira.
O certame do Congreso Nacional de Medio Ambiente distingue produtos, servizos e modelos de negocio que apostan por reducir o impacto ambiental no seu ciclo de vida

Os sistemas construtivos ETC do proxecto Life EcoTimberCell, coordinado pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC, figura entre os oito finalistas do concurso de Ecodiseño do Congreso Nacional del Medio Ambiente (Conama).

O certame Conama 2020, ao que na súa terceira edición concorreron candidaturas nacionais e internacionais, contempla entre os seus obxectivos achegar visibilidade a produtos, servizos e modelos de negocio innovadores que apostan por reducir o impacto ambiental no seu ciclo de vida, tal e como se recolle nas bases da convocatoria.

Unha vez completada a escolma dos proxectos finalistas do concurso de Ecodiseño Conama 2020, unha distinción á que xunto con EcoTimberCell tamén optan Mascarillas Arpe, A&B Laboratorios de Biotecnoloxía SAU, Laüd Recycled, a empresa municipal de aguas da Coruña (Emalcsa), Kliner Profesional S.A., Recyycle e a sociedade limitada Ecopaja bioconstrucción modular, os representantes das candidaturas seleccionadas presentarán na próxima edición do congreso as súas respectivas propostas diante dun xurado de expertos.

Os membros do tribunal terán en conta á hora de emitir o seu fallo, tanto na categoría de grandes empresas, como na de pemes e autónomos, o a capacidade innovadora das propostas, así como a súa contribución á redución de impacto ambiental, o nivel de uso e os resultados acadados. Os datos obtidos logo deste proceso de avaliación darán pé a un galardón do xurado e a outra distinción acordada polo público.

Life EcoTimberCell
O proxecto Life EcoTimberCell defenderá ante o xurado a súa achega para mitigar os efectos do cambio climático a través da creación de sistemas construtivos ECT, que son baixos en carbono. Estes elementos ou cellas permiten unha fixación de carbono a longo prazo co emprego de materiais sustentables, como é o caso da madeira.

A utilización de sistemas construtivos EcoTimberCell permitirá ademais a progresiva substitución doutros produtos derivados da Industria de Uso Intensivo de Enerxía na edificación, como é o caso do formigón ou do aceiro. Asemade, outros dos valores que agocha este proxecto liderado pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC reside na súa particular contribución á promoción da xestión forestal sostible, xa que os sistemas ETC teñen como base madeira local certificada dos montes do Noroeste da Península Ibérica.

The contents of this page were updated on 04.07.2021.