Skip to main content

Novo recoñecemento á traxectoria de María José Alonso

María José Alonso é investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). FOTO: Fundación AstraZeneca
María José Alonso é investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). FOTO: Fundación AstraZeneca
A catedrática da USC recolleu este martes o III Premio Honorífico á Excelencia na Traxectoria Científica
Santiago de Compostela

O III Premio Honorífico á Excelencia na Traxectoria Científica, co que se recoñece a carreira de científicos que contribuíron á xeración de coñecemento e avances na súa especialidade e concedido pola Fundación AstraZeneca recaeu en María José Alonso, catedrática do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC. O galardón premia a súa traxectoria como investigadora no ámbito da biofarmacia. Alonso lidera dende hai máis de trinta anos un grupo de investigación pioneiro en España no ámbito da  nanomedicina e nos sistemas de liberación de fármacos e vacinas. A profesora da USC recibiu a contía de 5.000 euros para doar á institución española e proxecto de investigación que ela elixa.

Traxectoria

María José Alonso, investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, onde entre os anos 2006 a 2010 foi Vicerreitora de Investigación e Innovación. Traballou como científica visitante na Universidade de Paris XI, (1986-87), na Universidade de  Angers, Francia (1989) e no  MIT, Estados Unidos, durante 1991-1992 e en 2012.

O seu laboratorio ten tres décadas de experiencia na formulación de  macromoléculas, é dicir, péptidos, proteínas, antíxenos, anticorpos monoclonais e polinucleótidos, utilizando sistemas de administración baseados en  polímeros, alén de ser pioneira en numerosos descubrimentos no campo da nanotecnoloxía farmacéutica e a  nanomedicina. María  J. Alonso coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación  Gates e a Comisión Europea. É a autora máis citada en España na área de Farmacia e Farmacoloxía e estivo entre os  TOP TEN en Farmacoloxía (clasificación internacional Times Higher  Education, 2010) (Índice  H 96). Recentemente, pasou a formar parte da Power  List dos investigadores máis influentes no campo da  Biofarmacia (The  Medicine  Maker, 2020).

A profesora Alonso é, asemade, inventora de 22 familias de patentes, a maioría delas con licenza para a industria e é parte de dúas start-up. Traballou na  Controlled  Release  Society (CRS), a sociedade científica líder a nivel mundial na área da liberación controlada de fármacos e a nanomedicina, durante quince anos; e foi presidenta da  da mesma entre 2017 e 2019. Tamén é editora en xefe de  Drug  Delivery and  Translational  Research, unha revista oficial da CRS, alén de formar parte do consello editorial de doce revistas científicas.

Recibiu 36 premios, entre eles a Medalla á Excelencia en Investigación e Educación outorgada polo Goberno de España, o Premio Jaime I, a Medalla Castelao que concede a Xunta de Galicia, e outros premios outorgados por organismos e fundacións científicas. É membro do  College  of  Fellows do American  Institute  for  Medical  and  Biological  Engineering (AIMBE) e  Fellow da Controlled  Release Society, membro de dúas academias en Galicia, a Real Academia de Farmacia de España (RANF), membro da Real Academia de Medicina de Bélxica e tamén membro da Academia Nacional de Medicina de EE. UU. (NAM). Recentemente, María José Alonso ingresou na Academia Nacional de Medicina de Bélxica.

A profesora da USC recibiu a contía de 5.000 euros para doar á institución española e proxecto de investigación que ela elixa. FOTO: Fundación AstraZeneca
A profesora da USC recibiu a contía de 5.000 euros para doar á institución española e proxecto de investigación que ela elixa. FOTO: Fundación AstraZeneca
The contents of this page were updated on 04.14.2021.